Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas (1928-2015) visitou Vigo en xuño de 2009 para participar nunha Homenaxe a Balbino, o protagonista da súa novela Memorias dun neno labrego, que publicou en 1961, un clásico da literatura galega que nos fala dos tempos de miseria e opresión aló polos anos da postguerra. Neste vídeo asistimos a un inspirado diálogo entre Xesús Alonso Montero, hoxe presidente da Real Academia Galega, e o autor do libro, que xira ao redor da vida dos malpocados rapaces das aldeas de Galicia. No transcurso do acto, organizado por Avelino Muleiro e Ismael González, a homenaxe a Balbino derivou, loxicamente, nunha homenaxe a Pepe Neira, e tamén á súa dona Anisia Miranda (1932-2009), inseparable compañeira durante medio século, quen falecería tres meses despois. Arroupados por amigos e persoas significativas da cultura galega, caso de Avelino Pousa Antelo (1914-2012) e María do Carme Kruckenberg (1926-2015), os homenaxeados mostraron agradecemento con emoción e bo humor.

Vídeo reportaxe: Basilio Cegarra.

Ilustración Balbino (Memorias dun neno labrego): Isaac Díaz Pardo.

Share This