P1620716-5-min

Xeógrafos da USC evidencian os efectos do cambio climático en Galicia

Dende 1950 ata hoxe pasouse en Compostela de 33 días de verán, con temperaturas que alcanzan ou superan os 25 graos, a máis de 60. Este é un dos datos resultantes dun estudo realizado polos xeógrafos da USC Alberto Martí e Dominic Royé que a través da análise de diversos indicadores climáticos e bioclimáticos evidencian os efectos do cambio climático en Galicia. Os dous investigadores pertencen ao grupo Geobiomet que integra especialistas en xeografía e medicina e saúde pública das Universidades de Santiago e Cantabria.

Os indicadores relacionados coas temperaturas son os que mostran máis claramente os cambios que tiveron lugar dende 1950 ata 2016 “e que se continúan constatando ao longo de 2017”. Considerando estivais os días con temperaturas que chegan aos 25 graos e tomando Compostela como exemplo dada a súa posición xeográfica central, a significativa tendencia de aumento obtida estatisticamente é de 5,2 días por cada década, ou sexa, case o dobre de xornadas de verán en menos de 70 anos.

“Estes cambios percíbense tamén nas datas nas que se rexistran os primeiros e os últimos días de verán”, explican Martí e Royé. Se nas décadas dos 50 e 60 en Santiago eses primeiros días calorosos non tiñan lugar como media ata mediados de maio, a partir sobre todo da década dos 70 foron adiantándose a razón de 7,1 días por década, de forma que entre 2010 e 2016 eses días con temperaturas máximas poden comezar xa a rexistrase durante a segunda semana de abril.

Pola contra, os últimos días con temperaturas estivais vanse retrasando cada vez máis, cun outono que se resiste a chegar. Así, nesa estación incrementáronse os días con anomalías térmicas positivas, pasando dunha media de 15 días calorosos nos outonos dos anos 50 e 60 en Santiago ata os 20/25 días de media nos últimos anos.

Xeadas
Un retroceso obsérvase tamén no caso das temperaturas mínimas e o número de días de xeada nas comarcas do interior de Galicia, que pasaron dunha media de 19 a 12 por ano e un retraso na súa aparición de 2,5 días por década, “de forma que se nos anos 50 esas primeiras xeadas tiñan lugar normalmente a mediados de novembro, nos últimos anos non soen rexistrarse ata comezos de decembro”. Os autores advirten que estas tendencias “poden ter efectos positivos na actividade agraria para moitos cultivos, que van vendo como diminúe o risco e o período no que poden producirse as xeadas”.

Repercusións directas
En termos globais, Alberto Martí Ezpeleta e Dominic Royé observaron como entre 1950 e 2016 se produciu en outono un desprazamento do conxunto de temperaturas medias desta estación cara a valores máis altos, con menos días fríos e incremento dos calorosos.

Estes aumentos, advirten, teñen unha repercusión directa no benestar e na saúde das persoas, en actividades económicas como a agrogandeira, a forestal ou o turismo, nos recursos hídricos ou no risco de incendios, que se caracterizan pola súa notable sensibilidade ante os cambios do clima. Así, mentres que os efectos son positivos para o turismo, “o aumento das perdas de auga no solo e na vexetación por evapotranspiración pode supor un maior estrés hídrico negativo para as plantas nos períodos que coincidan cunha maior escaseza de precipitacións, ademais de favorecer unhas condicións ambientais que fan aumentar o risco e o período de incendios”, apuntan.

Imaxe destacada: © Gainzafer

Share This