Antártida-1

A través dunha videoconferencia cos científicos vigueses que están na illa Decepción

Vivindo ‘de preto’ a experiencia antártica

Mariano Lastra, Jesús López e Jesús S. Troncoso permanecerán na Antártida ata mediados de marzo

D. Besadío | Vigo
Tan lonxe e tan preto ao mesmo tempo. A comunidade universitaria tivo este xoves, por segundo ano consecutivo, a prezada oportunidade de vivir ‘de preto’ a experiencia antártica e fíxoo grazas a tres dos seus profesores, Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, e ao investigador do CSIC Luis Sampedro que, a través de videoconferencia, compartiron co alumnado e tamén cos seus compañeiros e compañeiras o seu día a día no continente máis austral da Terra. Partiron cara alí o pasado 3 de febreiro e chegaron á base do Exército de Terra Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, hai xa dúas semanas. Dende ese momento e ata o 12 marzo realizarán neste lugar traballos de campo e experimentos de laboratorio para coñecer os efectos do cambio climático sobre as macroalgas desta zona polar, todo un auténtico laboratorio natural.

Ant 1

Mariano Lastra recollendo material

Como explicou o coordinador da misión, Mariano Lastra, que foi o primeiro en intervir, esta é a segunda e última estadía deste equipo na Antártida ao abeiro dun proxecto estatal de tres anos de duración -enmarcado dentro do programa científico nacional da XXX Campaña Antártica– e que se centra en estudar o impacto da actividade xeotérmica sobre os procesos de descomposición da materia orgánica almacenada na liña de costa e os efectos do cambio climático sobre o metabolismo das especies antárticas.

Vai moito frío? Puidestes bañarvos? ? E certo que se poden apadriñar pingüíns?…

Entre o público había moitos alumnos e alumnas, pero tamén moitos docentes e en todos “un montón de envexa por non poder estar aí con vós”, tal e como admitiu na quenda de preguntas a docente Nuria Pedrol. Non era para menos, durante as súas intervencións os científicos amosaron numerosas imaxes do seu día a día na Antártida, “todo un paraíso para os que algún día nos gustaría dedicarnos á investigación científica”, admitía un dos alumnos, ao que outra compañeira engadiu que “somos moitos os que nos ofrecemos como candidatos, a ver se algunha vez o soño se fai realidade”.

Ant 2

A videoconferencia tivo lugar no salón de actos do Edificio de Cienicas Experimentais

Que hai que facer para poder acompañarvos? Como é o día a día da base? Como vos organizades? E certo que se poden apadriñar pingüíns? Vai moito frío? Puidestes bañarvos? Pregunta a pregunta os docentes, que estiveron acompañados por un dos militares da base, foron respondendo ás dúbidas dos asistentes. A primeira en preguntar foi a decana da Facultade de Ciencias do Mar, Belén Rubio, que se interesou en coñecer a que temperatura se atopaban. “Normalmente estamos entre -1 e 1º, o que, en principio, non é moito frío, pero o peor é o vento, de arredor de 30 km/h que provoca que a sensación térmica sexa moito menor”, explicou Lastra.

Ant 4

A fauna é outro dos atractivos deste lugar

Jesús Souza Troncoso, que apelou en numerosas ocasións ao seu alumnnado, de como é a rutina nunha estadía destas características. “A actividade aquí é moi intensa, non hai sábados nin domingos, traballamos de oito a oito e apenas hai tempo libre”, explicou, ao tempo que apuntou que cada noite hai unha reunión na que se planifica o día seguinte, sempre dependendo das condicións metereolóxicas. “No pouco tempo libre que queda lemos o correo electrónico, miramos algunha película, falamos co resto de científicos que hai na base e pouco máis”, explicou.

M. Lastra: “O que máis me sorprendeu este ano son as frecuentes chuvias”

Para Lastra, para quen esta é a súa sétima estadía na Antártida, o que máis lle sorprendeu este ano son as frecuentes chuvias, “en ningunha outra ocasión que viñera vira chover tantas veces”, admitiu. Ademais, “temos tido tamén varios días con temperaturas que chegaron a alcanzar os 4º, o que aquí non é moi frecuente”, explicou o científico vigués, que falou tamén da visita case diaria de cruceiros de gran tonelaxe con centos de persoas a bordo, o que xa se está a coñecer como turismo antártico. “É algo que está moi controlado e que, polo tanto, ten un impacto limitado pero, aínda así, co tempo haberá que estudar o posible efecto destas visitas”, subliñou, ao tempo que lles desexou sorte a todos os que desexen chegar a traballar na Antártida, “o único requisito é traballar moito, se tedes sorte e esta vos pilla traballando, chegaredes aquí seguro”.

Share This