vivendas 1

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XXXVI)

Os seus lugares

Vivendas

Neste apartado facemos unha caracterización xeral das casas e demais dependencias domésticas da illa, xa que todas elas presentan unhas características comúns en canto ao emprazamento, formas arquitectónicas, materiais de construción, orientación, etc., produto dunha serie de factores climatolóxicos, topográficos, económicos, sociais, culturais e históricos.

As vivendas están enclavadas na ladeira orientada ao leste, expostas ao nacente e abrigadas dos ventos do norte. A este emprazamento de abrigo dos ventos se lle engade o factor topográfico, xa que é nesta vertente onde a orografía ten formas suaves, por onde descorren a maior parte dos regos e, polo tanto, onde se atopan as mellores terras de labranza, os areais, as zonas marisqueiras e tamén onde se atopan os accesos máis doados dende o mar.

A solución adoptada para protexer as vivendas do abrigo dos ventos é semisoterralas na ladeira. Prepáranse os cimentos sobre un aterrazamento onde a parede traseira fai, as veces, de muro de contención. A maior parte delas son de planta lonxitudinal, e as súas fachadas están orientadas cara ao leste e sueste. Deste xeito, a fachada principal, a parede máis longa, recibe durante a maior parte do día a luz e o calor do sol.

Segundo a tipoloxía, Álvaro de las Casas (1934) distingue dous tipos de vivendas na illa: o casal e a caseta. Segundo el, o marqués de Valladares, dono da illa naquel tempo, tiña divididos aos veciños en dúas partes en función da antigüidade e da renda que pagaban. “… os máis antigos e ricos labouran uns cincuenta ferrados e ocupan un casal, os máis probes, fillos que se foron emancipando por casorio os máis deles, labouran de 15 a 20 ferrados e ocupan unha caseta” (de las Casas 1934, 169). De tódolos xeitos, esta distribución vai tamén acorde coa situación dos campos de cultivo, as casas máis pobres situábanse ao norte e as máis ricas ao sur, onde se atopaban as mellores terras de labradío.

vivendas 1

Unha das poucas vivendas que están no seu estado orixinal en Canexol.

A casa térrea, de planta lonxitudinal e teito a dúas augas, ten unha distribución interior na que se diferencian tres tipos de espazos dependendo tamén da solvencia económica de cada unidade familiar: a cociña, a sala e os cuartos, todo organizado ao longo dun espazo corrido e lonxitudinal. A cociña e a sala son os espazos máis amplos con ventilación, e dan para a fachada. Os dormitorios son espazos de dimensións reducidas, organizados en liña, interiores e dan cara á parede escavada na rocha ou na terra.

Nas casas máis pobres, a organización interior redúcese a unha cociña e a un cuarto común onde durmía toda a familia. O cuarto de baño é de introdución recente; de feito, en moitas casas ou ben se adaptou un dos cortellos ou se lle engadiu un anexo.

Na actualidade pódense documentar vivendas con esas mesmas características, aínda que son as menos pois foron cambiando a medida que a economía se fixo máis solvente para os veciños. Nestas rehabilitacións, non sempre agraciadas, influíron as modas, coa utilización de novos materiais construtivos, así como tamén a permisividade e pasividade da administración en materia de rehabilitación das vivendas, dos espazos e en definitiva da paisaxe.

As casas de dous andares son excepcionais. No ano 1981, de Llano (1981, 39) cita a existencia de dúas, a da antiga escola e a vivenda nº83, tamén de Canexol. Na actualidade existen máis debido aos arranxos posteriores que se fixeron nalgunhas das casas da illa.

No referente ás características construtivas, o feito de estar nunha illa fai que a maior parte dos materiais construtivos sexan materiais locais, dando lugar a construcións sinxelas e totalmente funcionais adaptadas ao seu medio.

O elemento básico é a pedra de gra, utilizada para os diferentes elementos construtivos segundo a súa calidade e factura, utilizando a de mellor calidade para os elementos máis estruturais e onde tamén se lle adica un maior coidado na súa labra e preparación (esquinais, linteis, e contorno das portas e ventás) e a madeira dos piñeiros para o piso, as vigas, portas ou xanelas. O resto dos elementos, por norma xeral, teñen un acabado basto, case como se extraen da canteira, ou dos areais (os coidos). Entre 1940 e 50 traballaron canteiros procedentes de Bueu. Nalgunhas vivendas pódese atopar pedras de cantería procedentes doutras construcións e que foron amortizadas nas diferentes construcións da illa.

vivendas 2

Casa en ruínas no Cucorno.

A cuberta. O teito das casas é de dúas augas, mentres nas dependencias auxiliares, como nas cortes e cortellos, é dunha auga. Sobre o armazón de madeira colócase a tella do país. Sobre as tellas púñanse pedras de pequeno e mediano tamaño para impedir que as inclemencias do tempo as movesen. Na actualidade a maior parte das casas foron arranxadas, sendo as cubertas un dos elementos que máis se restauraron utilizando materiais construtivos diferentes e substituíndo os materiais tradicionais por outros como o cemento, o formigón e o fibrocemento.

As chemineas. Durante o primeiro terzo do século XX comeza a aparición das chemineas feitas con ladrillo e cemento. De feito, na descrición feita por Álvaro de las Casas (1934) aínda non había casas con cheminea. Contan que algunhas chemineas da illa tiñan pintada a bandeira republicana e que ata fai pouco quedaba unha no barrio de Pereiró.

Imaxe destacada © CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This