marisqueo4

Ao abeiro do proxecto Marisco, financiado con preto de 150.000 euros

Unha tese estuda como responden ameixas e berberechos ante eventos meteorolóxicos extremos

O estudo está centrado nos bancos marisqueiros de Redondela, Campelo, Carril e Cambados

Duvi | Vigo

Como responden ameixas e berberechos a eventos meteorolóxicos extremos como choivas torrenciais ou ondas de calor? Esta é a pregunta a que trata de dar resposta a investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Rula Domínguez na súa tese de doutoramento, investigación que está a realizar ao abeiro do proxecto Marisco – Bancos de marisqueo en Galicia: prevención de riegos producidos por eventos extremos sobre especies comercialmente importantes-, financiado con preto de 150.000 euros e que ten como principal obxectivo estudar os efectos deste tipo de eventos sobre as capturas de ameixa e berberecho durante os últimos 20 anos.

marisqueo1Unha tese estuda como responden ameixas e berberechos ante eventos meteorolóxicos extremos

Se ben na actualidade estanse a facer esforzos para estimar as perdas económicas na pesca debido ao cambio climático e os custos na adaptación ao novo escenario, a maioría destas investigacións céntranse na pesca industrial e apenas se están a realizar esforzos no sector marisqueiro, de gran importancia para a economía galega. Co proxecto Marisco, dirixido pola catedrática Elsa Vázquez, búscase desenvolver e implementar unha nova ferramenta para previr ou minimizar os custos económicos dos eventos extremos que axude na xestión dos bancos marisqueiros, “servindo como sistema de alerta temperá para mitigar os danos económicos nas comunidades que dependen dela”, explica Rula Domínguez.

Para conseguilo o equipo de investigadoras e investigadores implicados no proxecto están a deseñar modelos preditivos das condicións nas que se pode atopar cada un dos bancos en función das condicións meteorolóxicas de chuvia e temperatura parecidos aos que se predín no tempo, aos que logo lle incorporan os datos fisiolóxicos e ecolóxicos que xa acadaron como resultado dos experimentos realizados tanto en laboratorio como no mar. Así, segundo explica a investigadora, poderanse proporcionar estimacións de risco moi robustas e que se poden utilizar a escala local. “Ademais o proxecto incorpora unha parte de estudo socioeconómico para avaliar o impacto que estas mudanzas poderán ter nas comunidades que viven destes recursos, con especial enfoque na cuestión de xénero, debido a que tradicionalmente en Galicia o marisqueo a pé é realizado por mulleres”, explica Domínguez.

marisqueo2

Exemplares das catro especies empregados nos experimentos Foto: R. Domínguez Fernández

Especies nativas que supoñen o 80% das capturas totais de bivalvos

A tese de Domínguez, dirixida por Elsa Vázquez e Celia Olabarría, céntrase no estudo das especies nativas Ruditapes decussatus (ameixa fina) e Venerupis corrugata (ameixa babosa), a introducida Ruditapes philippinarum (ameixa xaponesa) e o berberecho Cerastoderma edule, especies que nos últimos anos foron responsables do 80% das capturas totais de bivalvos realizadas en Galicia e máis do 85% do valor comercial.
O obxectivo deste estudo é referir a mortalidade e o crecemento destas catro especies de bivalvos nos bancos marisqueiros de Redondela, Campelo, Carril e Cambados coa salinidade e temperatura da auga e do sedimento medidas en cada local durante un período de dous anos; comparar as respostas eco-fisiolóxicas destas especies en diferentes niveis de estrés causado por diminucións de salinidade e aumentos de temperatura en diferentes épocas do ano e, estudar a vulnerabilidade destas ameixas sometidas a diferentes niveis de estrés producidos por diminucións de salinidade e aumentos de temperatura aos depredadores.

marisqueo3

Unha tese estuda como responden ameixas e berberechos ante eventos meteorolóxicos extremos

Múltiples experimentos de campo e de laboratorio

O estudo de Domínguez iniciouse en 2015 e, dende entón, realizáronse unha serie de experimentos de campo e de laboratorio, dos que se obtivo unha grande cantidade de información para introducir nos modelos preditivos. “Os resultados preliminares indican diferenzas entre as respostas de mortalidade, as subletais e a resistencia aos depredadores entre as especies estudadas, o que resultará interesante para aplicar a ferramenta de xestión destes recursos”, recalcou Domínguez.

 

Share This