Clavelina Jorge

“Delicada perfección”

Unha colonia de Clavelina lepadiformis na ría de Vigo

Unha colonia de Clavelina lepadiformis a través dunha espectacular imaxe capturada polo oceanógrafo e mergullador Jorge Pascual de Pedro. Titulada como “Delicada Perfección“, resultou gañadora do concurso de fotografía organizado pola Facultade de Ciencias do Mar de Vigo en 2017.

Atopámonos así cunha colonia de Clavelina lepadiformisunha especie de animal mariño. Aínda que común nas augas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e nas Rías Baixas de Galicia, non deixa de sorprendernos pola súa espectacularidade e fermosura.

En concreto, esta imaxe foi capturada por Jorge Pascual de Pedro no pecio afundido do “Southern Cross“, en punta Borneira, Cangas do Morrazo, na ría de Vigo.

Estas colonias de Clavelina lepadiformis, están conformadas por pequenas ascidias transparentes que non superan os 2/3 cm de altura e que están conectadas entre si pola base. Aínda que se poden atopar individuos solitarios, o habitual é que formen densos acios.

Son zooides, individuos que conforman unha colonia, aínda que independentes, moi próximos entre si e unidos, dan lugar a estas colonias agrupadas en acios. Cada colonia conta cuns 25 individuos de forma cilíndrica, corpo xelatinoso e coloración transparente. Debido a esta última característica, pódenselles mesmo mirar os órganos internos.

As colonias de Clavelina lepadiformis viven entre entre os 0 e 50 metros, habitando fondos rochosos e tamén algas, gorgonias ou cunchas de moluscos e crustáceos. Así mesmo, colonizan pecios ou restos de naufraxios e mesmo pantaláns.

Clavelina lepadiformis é unha especie anual que comeza o seu desenvolvemento cara outubro, acadando o máximo esplendor na primavera. Logo, máis tarde, vai desaparecendo mediado o verán ata o vindeiro outono.

Estas sorprendentes colonias de animais mariños aliméntase da materia orgánica en suspensión, xa ben algas, detritos ou plancto, que son quen de capturar filtrando correntes de auga, ao quedar este alimento pegado na mucosidade que segregan.

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe destacada: © Jorge Pascual de Pedro

Share This