investigador

O Grupo de Zooloxía Mariña da Universidade describiu os hidrozoos atopados no Pacífico occidental

Un xénero e tres especies novas de hidrozoos descritas para a ciencia

Trátase do xénero ‘Schizoplumularia’ e as especies S. ‘vervoorti’, S. ‘geniculata’ e S. ‘elegans’

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A ciencia segue a sumar novos xéneros e especies, desta volta da man das investigadoras e investigadores do Grupo de Zooloxía Mariña do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. O equipo que dirixe o docente e investigador Fran Ramil vén de describir un xénero e tres especies de hidrozoos atopados no Pacífico occidental, en augas de Nova Caledonia, recollidos no transcurso de oito campañas oceanográficas francesas desenvolvidas entre os anos 1985 e 1998. A descrición do xénero Schizoplumularia e das especies S. vervoorti, S.geniculata e S. elegans é froito do traballo que no ano 2000 comezou a desenvolver Ramil en colaboración co profesor Wim Vervoort do Museo de Historia Natural de Leiden, Holanda, un dos máis prestixiosos expertos en taxonomía dos hidrozoos, falecido en 2010, co obxectivo de estudar o material procedente de campañas de investigación francesas no Pacífico occidental, a rexión mariña que alberga a maior diversidade de especies de todos os océanos do mundo.

“A confirmación de que tiñamos un xénero novo non foi complicada porque a estrutura e o patrón de ramificación que presentaban as colonias que estabamos a estudar era algo novo que non se describira polo momento dentro da familia Plumulariidae. O que foi máis complicado e demandou un período máis longo de traballo foi determinar se as tres especies eran novas ou dúas delas xa foran descritas”, explica Ramil, que aclara que foi preciso estudar o material tipo de Plumularia insignise tamén colonias de Plumularia tenuissima, o que foi posible grazas á colaboración do Museo de Historia Natural de París e do Naturalis Biodiversity Center de Leiden, que lles enviaron mostras para rematar o traballo e concluír que se trataba de especies diferentes dentro do xénero Schizoplumularia.

Pero máis aló das descricións realizadas, a revisión do material tipo de Plumularia insignis trouxo consigo sorpresas e permitiulles acadar resultados moi interesantes sobre o status desta especie. “Segundo o concepto que se tiña ata agora da Plumularia insignis esta especie incluía como sinónimos Plumularia abietina e Plumularia flabellum e dúas variedades Plumularia insignis gracilis e Plumularia insginis conjuncta, pero o estudo do material tipo das tres especies e as dúas variedades permitiunos ‘resucitar’ a Plumularia flabellum como especie válida e tamén as dúas variedades que elevamos á categoría de especies válidas e diferentes de P. insignis.”, detalla o investigador.

nova-especie-1

Un xénero e tres especies novas de hidrozoos descritas para a ciencia. Na imaxe: S. elegans

Descrición polo miúdo do xénero e as tres especies novas

O nome de Schizoplumularia é froito dunha combinación do termo grego skhizein que significa ‘dividido, separado’ e que fai referencia á orixe independente das ramas laterais da colonia, e o nome de xénero Plumularia, co cal amosa unha afinidade clara .

En canto ás especies, Ramil explica que S. vervoorti, que é ademais “a especie tipo do xénero Schizoplumularia, a que define o xénero, dedicámoslla ao profesor Wim Vervoort, co que mantivemos unha estreita colaboración durante moitos anos”. Pola súa banda, os nomes das outras dúas especies refírense a caracteres morfolóxicos das especies, o porte xeniculado dos exemplares no primeiro caso, e a “elegancia” das colonias no segundo.

investigador-2

O investigador Fran Ramil no seu despacho da Facultade de Ciencias

Catro xéneros e 35 especies novas descritos nos últimos anos

As descricións do xénero e das tres especies novas, realizadas polos investigadores da Universidade de Vigo, que xa foron publicadas na revista científica Zootaxa, ademais de ser, segundo Ramil “unha contribución importante ao coñecemento desta familia no Pacífico occidental, parecen confirmar que os Hidrozoos, ao igual que ocorre noutros grupos xa estudados, amosan unha elevada diversidade na rexión da Nova Caledonia e mares adxacentes e tamén un certo grao de endemismo, xa que este xénero e as tres especies novas veñen a sumarse a outro xénero e a outras sete especies que describimos en traballos anteriores e que polo momento só se coñecen destas augas”, explica Ramil. Para o desenvolvemento deste traballo o investigador destaca a importancia dos museos de historia natural e da conservación das coleccións faunísticas como verdadeiros arquivos da biodiversidade, xa que no caso de non ter acceso ás coleccións “nunca poderíamos chegar ás conclusións que chegamos e só poderíamos plantexar hipóteses sobre a identidade das especies que estabamos a estudar”.

En total, nos últimos anos, o Grupo de Zooloxía Mariña describiu unhas 35 especies novas, a metade delas dende o ano 2000 en adiante, sete delas desde 2014, ao que se engaden catro xéneros, dous deles descritos no último ano. Unhas descricións que continuarán, como confirma Ramil, “de feito estamos a preparar varios manuscritos que inclúen descricións de varias especies novas, que serán publicados ao longo do próximo ano”, asegura o investigador da Universidade de Vigo.

Share This