mexillon-duvi

No I International Symposium on Advances in Marine Mussel os días 26 e 27 de outubro

Persoal investigador, estudantes e empresas acuícolas analizarán os últimos avances científicos sobre o mexillón

O congreso inclúe sete ponencias de expertos e expertas de prestixio internacional

M. Del Río | Vigo
O I International Symposium on Advances in Marine Mussel Research reunirá no campus os días 26 e 27 de outubro a persoal científico, estudantes e representantes de empresas acuícolas-conserveiras co obxectivo de presentar, discutir e seguir os últimos avances na investigación dun recurso mariño tan importante e emblemático como é o mexillón. A primeira edición desta cita internacional está organizada polos investigadores Ángel Pérez Diz, Juan Galindo, Armando Caballero e Antonio Villanueva, pertencentes ao Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética e á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. O primeiro deles explica que esta cita é “unha excelente oportunidade” para poñer en contacto a persoal do mundo da investigación e da docencia universitaria coa industria, “co obxectivo de poñer en común os seus coñecementos, ideas e inquedanzas para poder así contribuír dunha maneira sinérxica e máis decidida á obtención de novo coñecemento sobre este importante organismo mariño”. No simposio abordaranse os últimos avances realizados na investigación de diferentes especies de mitílidos a través dunha perspectiva multidisciplinar, abarcando xenómica, proteómica, inmunoloxía, fisioloxía, ecoloxía ou acuicultura.

Vigo, referente na I+D+i mariña

Para a comunidade científica os mitílidos representan un excelente modelo de estudo en bioloxía evolutiva, ecoloxía, ecotoxicoloxía, cambio climático, etc. pero o mexillón é tamén unha das especies de maior interese comercial para Galicia, que cultiva o 95% da produción nacional, sendo líder en Europa e a terceira potencia produtora mundial, tras China e Chile, segundo datos da FAO. Neste sentido, Ángel Pérez Diz, director do comité organizador, explica que ademais de como potencia produtora, Galicia é tamén unha referencia en investigación mariña, polo que sostén que “a celebración deste simposio por primeira vez en Vigo non é casual”, xa que a cidade dispón do maior número de centros (Universidade de Vigo-Ecimat, Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, Instituto Español de Oceanografía, Cetmar e Anfaco) e investigadores e investigadoras dedicados á ciencia mariña a nivel nacional, e dos máis importantes referentes neste campo en Europa. Neste sentido, Pérez Diz, lembra tamén que a Ecimat foi recentemente seleccionada e incluída no consorcio máis importante e ambicioso de centros de recursos biolóxicos mariños europeo, o EMBRC, e que o Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar ten contribuído tamén a crear sinerxía entre Galicia e o norte de Portugal na investigación mariña e marítima. Por todos estes motivos, os impulsores deste simposio consideran que esta cita “debería contribuír á consolidación da importante visibilidade que xa ten Vigo dentro do mundo da investigación, desenvolvemento e innovación no campo mariño”.

50 asistentes e sete ponencias convidadas

No simposio, que se vai celebrar na Facultade de Bioloxía, participarán medio cento de investigadores e investigadoras así como persoal relacionado co mundo empresarial e co sector produtivo e estudantes da Universidade de Vigo. Co prazo de inscrición aberto ata o vindeiro xoves 20, ata agora está confirmada a asistencia de participantes de España, Reino Unido, Francia, Italia, Portugal, Polonia, Turquía, Exipto e Nixeria, que o día 27 poderán coñecer as illas Cíes.

Os organizadores destacan a calidade das sete ponencias dos investigadores e investigadoras convidados, “todos cunha traxectoria científica excelente e de recoñecido prestixio internacional e sobre temáticas moi diversas”. Nicolas Bierne, da Universidade de Montpellier; Carlos Canchaya, da Universidade de Vigo; Ibon Cancio, da Universidade do País Vasco; Antonio Figueras e Beatriz Novoa, do IIM CSIC; David Skibinski, da Universidade de Swansea (UK) e Antonio Villalba, do Centro de Investigaciones Marinas da Xunta de Galicia, abordarán os últimos avances na secuenciación do mexillón, o seu sistema inmune, as enfermidades, os efectos da contaminación, etc.

As sete conferencias convidadas complementaránse con cinco relatorios máis curtos, que foron seleccionados entre os traballos enviados por todos os asistentes. Tamén está programada unha sesión de presentación de traballos en formato póster, que “servirá para discutir as achegas de todos os asistentes, e sen dúbida algunha será un momento excelente para discutir traballos de investigación presentes e futuros entre distintos centros de investigación a nivel internacional”, conclúe o profesor Pérez Diz.

Fonte:

Duvi

Share This