Un proxecto multidisciplinar para recuperar os ecosistemas mariños da Illa de Sálvora

  /  ACTUALIDADE   /  Un proxecto multidisciplinar para recuperar os ecosistemas mariños da Illa de Sálvora

Un proxecto multidisciplinar para recuperar os ecosistemas mariños da Illa de Sálvora

Medio Ambiente apoia un proxecto de recuperación dos ecosistemas mariños da Illa de Sálvora

 Trátase dunha iniciativa que lidera a Fundación Biodiversidade, en colaboración co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través do Programa Pleamar, á que se destina un orzamento de case 60.000 euros

O obxectivo é crear unha rede de traballo multidisciplinar para fomentar o coñecemento, a xestión do lixo mariño e a conservación dos recursos biolóxicos, así como recoller as artes de pesca perdidas, nos fondos mariños e nas praias

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará no proxecto Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia, e que se levará a cabo na Illa de Sálvora.

O director-conservador do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas, e o presidente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, José Pelayo Míguez Baños, presentaron esta mañá esta iniciativa, que conta coa colaboración do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través do Programa Pleamar, á que se destina un orzamento de case 60.000 euros.

O obxectivo principal é recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños do arquipélago de Sálvora dende a sostibilidade, polo que se creará unha rede de traballo multidisciplinar para fomentar o coñecemento, a xestión de lixo mariño e a conservación dos recursos biolóxicos mariños; e se recollerán as artes de pesca perdidas e outros refugallos mariños tanto nos fondos como nas praias. Tamén se celebrarán xornadas informativas e de formación para fomentar a participación dos pescadores e voluntarios na protección e recuperación da biodiversidade, así como integrar a igualdade e a sustentabilidade na conservación da biodiversidade.

Dende a Consellería de Medio Ambiente deféndese que a sostibilidade do proxecto pasa por integrar a conservación da biodiversidade e os recursos naturais na poboación local, coa maior participación posible, sobre todo do sector pesqueiro, polo que ademais de traballar con investigadores do CSIC e das universidades galegas, tamén se traballará estreitamente cos entidades do sector, asociacións, empresas de integración social, voluntarios e veciños.

A conservación da biodiversidade é un aspecto fundamental para a supervivencia e o equilibrio de todos os ecosistemas, tanto dende o punto de vista económico, como social e medio ambiental. Non obstante, o aproveitamento de recursos e a convivencia de especies pode implicar unha serie de amezas sobre o medio que poden transformarse nun desequilibrio ecosistémico e socioeconómico, se non se intervén a tempo; polo que iniciativas como a presentada esta mañá axudan a identificar e paliar as posibles alteracións e minimizar ou previr a perdida de biodiversidade.

Imaxe destacada: © Arquivo da Luz Atlántica

 

Share This