mercedes-varela

Mercedes Varela estudou na súa tese como potenciar a formación dos futuros docentes nesta materia

Un mundo sostible precisa dunha educación ambiental transformadora

O estudo de actitudes realizado permitiu detectar “tendencias acríticas” entre o futuro profesorado

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Temos feito grandes avances na conciencia social dos problemas ambientais, pero pouco na consecución de formas de vida sostibles”, sostén a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Mercedes Varela. Mudar esta situación, explica, pasa por potenciar unha “educación ambiental de carácter transformador”, definida polo seu enfoque transversal e o fomento “da participación, da reflexión e do pensamento crítico, da toma de decisións e a implicación da comunidade”. Estudar como desenvolver unha educación ambiental que proporcione ao alumnado esa “competencia para a acción” a prol dun desenvolvemento sostible constituíu o obxectivo central da tese de doutoramento de Varela Losada, que a través das enquisas realizadas a estudantes de Educación Infantil e Educación Primaria constatou unha “importante tendencia” do futuro profesorado a contemplar a educación ambiental como “un tema pouco prioritario”.

Non en van, lembra Varela, a educación ambiental non conta cunha materia específica no ensino infantil ou primario, senón que “debe abordarse de maneira transversal”. Mais isto tamén supón “que non estea garantida a súa presenza real nas aulas”, como lembra esta investigadora na súa tese Educación Ambiental para la sostenibilidad en la formación inicial del profesorado de Educación Infantil y Primaria, unha investigación dirixida polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires e Uxío Pérez, xunto co profesor da Universidade da Coruña Pedro Vega, que recentemente quedou tamén recollida nun dos capítulos do libro monográfico Teaching Education for Sustainable Development at University Level, da prestixiosa editorial Springer.

Un modelo que precisa dun profesorado innovador

“Son necesarias propostas educativas que mostren a complexidade dos problemas ambientais, poñendo de relevo as súas diferentes dimensións; científica, económica e social”, salienta Varela, para quen “as escolas, en colaboración coas comunidades, poden e deben ofrecer oportunidades para fomentar o desenvolvemento de estilos de vida sostibles”. E para iso é preciso contar cun “profesorado innovador e comprometido, que utilice novos enfoques metodolóxicos” cos que levar á práctica propostas educativas que busquen promover a actuación do alumnado, que os habiliten nesa “competencia para acción”, contribuíndo así á súa formación como “persoas capaces de analizar os seus estilos de vida e evolucionar cara comunidades máis xustas, responsables e respectuosas co medio ambiente e coas persoas”.

“O enfoque participativo é un elemento fundamental da innovación educativa”, sostén Varela, para quen estes cambios pasan por “situar ao alumnado no centro do proceso de aprendizaxe, motivándoo para aprender, discutir, buscar solucións e actuar nun contexto social, de forma que constrúan o seu propio coñecemento”. Seguindo esa idea, un dos obxectivos da súa tese foi estudar como podería fomentarse esa competencia para a acción en contextos formais, traballo que levou a cabo cunha mostra de preto de 80 estudantes das universidade de Vigo e A Coruña, cos que puido comprobar a eficacia das dúas propostas educativas que desenvolveu. “Ambas foron deseñadas partindo de fundamentos metodolóxicos comúns: aprendizaxe autónoma e participativa, partindo do estudo de problemáticas socioambientais reais”, explica Varela. Así, a investigadora trasladou as aulas unha proposta formativa centrada no “desenvolvemento de competencias sostibles” xunto con outra centrada na adquisición de competencias docentes por parte do alumnado, coas que puido comprobar como as iniciativas formativas “baseadas no diálogo e participación real poden axudar a fomentar a implicación das persoas participantes, así como a creación dunha cultura da sustentabilidade”.

Fronte ás actitudes “acríticas”

Pola contra, o estudo de actitudes que levou a cabo con 899 estudantes destas dúas universidades permitiulle constatar tamén que o futuro profesorado debe mellorar a súa formación, tanto en materia medio ambiental “como en relación ao desenvolvemento de competencias docentes enmarcadas na produción de sustentabilidade”. Nese senso, o seu traballo abrangue tamén o deseño e validación dunha “escala de actitudes” cara a educación ambiental, “xa que o primeiro paso para poder orientar a formación do profesorado” é coñecer a súa implicación cun desenvolvemento sustentable.

Esta escala presta atención, explica, ás actitudes “cara a ideoloxía socioeconómica imperante”, a responsabilidade individual e a forma de tomar decisións, así como tamén cara un “modelo educativo de carácter transformador”, obtendo deste xeito uns “perfís actitudinais” do futuro profesorado, que lle permitiron constatar a existencia de “tendencias acríticas e conformistas” entre os e as participantes no estudo. Así mesmo, a investigación tamén permitiu a Varela detectar unha tendencia entre o futuro profesorado a ver a educación ambiental como un tema “non o suficientemente importante como para deixar de impartir outros contidos”.

Cambios lexislativos que implican un paso atrás

Mais non só son precisos cambios formativos para potenciar a educación ambiental transformadora, senón tamén normativos. Neste punto, Varela recoñece que a implantación da Lomce implicaría “un importante retroceso con respecto á lei anterior para a educación ambiental”, ao dotala nos currículos educativos de “menor presenza e unha visión máis limitada en contidos compartimentados”.

A investigadora lamenta que esta desapareza dos obxectivos básicos de Educación Primaria e o seu tratamento se “limite a certos contidos das áreas de Ciencias da Natureza e das Ciencias Sociais”, fronte á concepción que defende na súa tese, que pasa por afondar nos problemas socioambientais desde “unha perspectiva global que trate as relacións ambiente-sociedade-economía” e que permita “a visibilidade dos diferentes puntos de vista”.

Share This