anxo-mena1

No marco do proxecto europeo Graco, liderado polo Instituto Andaluz de Ciencias da Terra

O investigador vigués Anxo Mena participa na exploración dos canais submarinos do talude superior do golfo de Cádiz

A campaña, realizada a bordo do buque francés Ifremer L’Atalante, regresou a porto este pasado venres

D. Besadío | Vigo
O investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Anxo Mena estivo a participar esta semana na exploración dos canais submarinos do talude superior do golfo de Cádiz no marco do proxecto europeo Graco (Gravitational and Contouritic Interactions on the Upper Slope of the Gulf of Cádiz close to the Strait of Gibraltar). Este traballo, liderado polo Instituto Andaluz de Ciencias da Terra (CSIC), está dirixido a estudar, por primeira vez de forma intensiva, a interacción entre os movementos de sedimento desde a plataforma cara o talude por procesos gravitacionais e o transporte que realiza a corrente profunda mediterránea á súa saída do estreito de Xibraltar.

“A miña participación neste proxecto xurde como resultado de anos de colaboración entre diferentes institucións e persoal científico que empregamos o golfo de Cádiz como área de estudo”, subliña Mena, que en xullo se incorporou á Royal Holloway University of London como investigador de posdoutoramento contratado pola Universidade de Vigo ao abeiro da convocatoria de axudas realizada pola Xunta de Galicia. “Con este proxecto a idea é tentar aproximarse á caracterización da interacción das masas de auga mediterráneas co fondo oceánico a través da toma de imaxes do fondo submarino e da toma de mostras superficiais e rexistros sedimentolóxicos”, explica o investigador, que, nesta ocasión, comparte equipo con outros 13 investigadores e estudantes pertencentes a diferentes institucións de España, Portugal, Reino Unido e Bélxica.

Máis de 40 horas de gravacións e 4000 fotografías

Durante os catro primeiros días da campaña –partiron o pasado día 22 de setembro- obtivéronse xa máis de 40 horas de gravación dos fondos submarinos do sector oriental do golfo; máis de 4000 fotografías de alta resolución mediante o sistema Scampi de Ifremer; diferentes mostras dos afloramentos rochosos deste sector próximo ao estreito mediante a draga de rocha, e tamén mostras intactas da superficie do fondo coa draga de caixa. A maiores tamén se recolleron máis de 30 metros de sondaxes do rexistro sedimentario co sacatestigos pistón Kullenberg. “Tanto a toma de imaxes e vídeos do fondo mariño como a recollida de mostras son de importancia capital porque nos axudan a saber como se comporta o sedimento ante a presenza de correntes mariñas e en que formas e configuración se dispón”, indica Mena.

Estes últimos días estiveron recollendo datos de batimetría de sectores concretos a moi alta resolución que permitirán coñecer en detalle os procesos sedimentarios nesta área desde unha aproximación multidisciplinar que se completa cos datos obtidos das mostras, dos vídeos e das fotos. “Todos estes datos estudaranse ao longo dos próximos anos baixo a dirección da investigadora principal do proxecto, a doutora Marga García, do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra”, engadiu o investigador da Universidade de Vigo.

Nunha primeira valoración, desde a dirección do proxecto consideran como moi positivos os datos que se están obtendo e destacan o seu potencial para confirmar as interpretacións previas sobre a evolución xeolóxica e oceanográfica desta área.

Fonte:

Duvi

Imaxe destacada:

© Duvi

Galería de imaxes: 

© Duvi

Share This