© Jorge Pascual de Pedro

Un demo nas Rías Baixas. “O gardián do Southern Cross”

Da orde dos Perciformes, os demos pertencen á familia dos blénidos (Blenniidae)

Volvemos doutra vez cunha espectacular imaxe de fotografía submarina capturada polo oceanógrafo e mergullador Jorge Pascual de Pedro. Titulada como “O gardián do Southern Cross“, foi presentada ao concurso de fotografía organizado pola Facultade de Ciencias do Mar de Vigo en 2017.

A fotografía gañadora foi “Delicada perfección“, unha colonia de Clavelina lepadiformis, tamén factoría do noso autor.

Agora, a través da imaxe dun demo (Parablennius gattorugine) continuamos con esta serie de fotografía submarina. Este exemplar foi sorprendido por Jorge Pascual de Pedro no pecio afundido do “Southern Cross“, nos baixíos rochosos do entorno do faro da Borneira, en Cangas do Morrazo na ría de Vigo.

O noso protagonista, o demo (Parablennius gattorugineLinnaeus, 1758), “O gardián do Southern Cross“, é unha especie moi común nas nosas rías ou nas augas dos diferentes arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada). Preséntase distribuído entre as Illas Británicas a Marrocos e o mar Mediterráneo.

Os demos (Parablennius gattorugine, Linnaeus, 1758) son peixes de corpo robusto, alongado e compacto, que alcanzan ata os 30 cm de lonxitude. Posúen dous tentáculos ramificados sobre os ollos e outros dous menos notables sobre as narinas. A boca é relativamente grande, con finos dentes en cada mandíbula, destacando os grosos beizos e os seus rechamantes ollos, nunha posición case que dorsal.

Así mesmo, están dotados de aletas espiñentas, tanto dorsal, anal, pectorais ou pélvicas. Camúflanse nos fondos de rochas grazas a súa cor grisácea ou parda, onde destaca a alternancia de bandas verticais máis escuras no dorso.

Estes peixes, ocupan un hábitat en fondos rochosos de augas pouco profundas. Atopámolo así en zonas rochosas, entre os 2/20 m de profundidade, habitando en moitas ocasións fendas e buratos, onde adoptan un comportamento bastante territorial.

Os demos (Parablennius gattorugine), aliméntase principalmente de pequenos invertebrados mariños como equinodermos, poliquetos ou crustáceos.

Son peixes doados de identificar por eses curiosos e espectaculares penachos que presentan e lucen sobre os seus ollos.

 Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe: © Jorge Pascual de Pedro

 

Share This