Astronomía telescopio

TodoCosmos espalla por cuarto ano consecutivo a divulgación da astronomía por toda Galicia

Por cuarto ano consecutivo tamén conta co apoio da FECYT que a recoñece oficialmente como “práctica innovadora en cultura científica”

O proxecto de divulgación astronómica da USC TodoCosmos desenvolve durante 2017 a súa cuarta edición consecutiva co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a iniciativa do Observatorio Ramón María Aller da USC. O obxectivo de TodoCosmos é trasladar a divulgación astronómica a todos os lugares nos que sexa demanda, explica o seu director, o profesor José Ángel Docobo. Deste xeito, o Observatorio da USC complementa a súa misión investigadora e docente coa de “centro de interpretación dos cosmos, dando servizo a amplos sectores da sociedade”, engade o docente.

O proxecto de divulgación astronómica da USC TodoCosmos para 2017 presentárono o pasado venres 19 de maio en rolda de prensa o seu director José Ángel Docobo, que estivo acompañado do investigador Pedro Pablo Campo e de representantes dalgún dos concellos participantes. O sábado 20 estaba prevista unha sesión de observación nocturna en Porto do Son, a partir das 22.00 horas, ás que lle seguirían outra en Carballo o 30 de maio e en Rois o 10 de xuño. Ao longo do ano, o Observatorio Astronómico da USC está aberto as peticións que dende distintos concellos ou outras entidades fan para a organización de actividades de divulgación astronómica in situ.

TodoCosmos-min

Presentación actividades TodoCosmos 2017 e balance de 2016

A FECYT outorgoulle a TodoCosmos a consideración oficial de “práctica innovadora en cultura científica” por ter levado actividades para todos os públicos e idade a centros educativos, comunidades terapéuticas, centros penitenciarios, prazas e rúas, paseos marítimos e fluviais ou cimas emblemáticas, entre outros lugares. Ademais, a programación inclúe a recepción de visitas e sesións de observación na sede do Observatorio Astronómico da USC.

Durante 2016 realizáronse un cento de actividades divulgativas arredor da astronomía nos concellos de Allariz, Ames, Barbadás, Boqueixón, Carral, Lalín, Melide, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tordoia, Vedra, Vila de Cruces e Vilar de Santos. No propio Observatorio realizáronse sesións para colexios e grupos non só de Santiago senón tamén de Vigo, Estremadura, Sartrouville (Francia), Tordoia, Padrón, Bueu, Altea (Alacante), A Estrada e Boiro. No caso concreto de Santiago, José Ángel Docobo destacou o importante volume de iniciativas desenvolvidas como as múltiples visitas guiadas e sesións didácticas ou a celebración do Mes da Astronomía, que se imparte ao longo do mes de novembro na Biblioteca Anxel Casal.

Ademais da colaboración dos múltiples concellos galegos que se teñen sumado ás anteriores edicións de TodoCosmos, o programa conta coa colaboración da empresa Óptica Val. O equipo da iniciativa está constituído por José Ángel Docobo, Pedro Pablo Campo Díaz, María Brea Mato, José Ramón González Romay e Jorge Gómez Crespo.

 Fonte: Gabinete de Comunicación da USC

Share This