campus-1

A agrupación estratéxica da Universidade contrata por case un millón de euros a oito doutoras e doutores

Talento investigador procedente de todo o mundo para reforzar o Campus do Mar

Grupos de Cinbio, Ecimat, do campus de Ourense e o IEO de Coruña benefícianse das incorporacións

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Paula Sánchez, Adolfo Fernández, Sandra Martínez, Susana Magadán, Iria Fernández, Martinho Marta, Isabel Rodríguez e Ana Querejeta. Estas e estes son doutoras e doutores que veñen de incorporarse á Universidade de Vigo e ao Instituto Oceanográfico Español de A Coruña para continuar, da man de Campus do Mar, a súa formación investigadora e complementar as potencialidades dos grupos de Inmunoloxía, Filoxenómica e Nanotecnoloxía do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio, os de Ecoloxía Costeira e Oceanografía Biolóxica da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat e dos grupos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e o de Investigacións Agroambientais e Alimentarias do campus de Ourense, así como do IEO coruñés.

Co obxectivo de facer do Campus do Mar un polo de atracción para doutoras e doutores con experiencia postdoutoral e reverter así a tendencia de enviar aos doutores formados na institución viguesa a centros de investigación e universidades estranxeiras para completar alí súa formación, o campus de excelencia internacional presentou á convocatoria Marie-Curie Cofund da UE o proxecto FellowSea para a contratación de persoal investigador posdoutoral con máis de catro anos de experiencia. Preto de un millón de euros foi o financiamento acadado hai un ano e dende entón abriuse un proceso que comezou coa convocatoria dun concurso internacional ao que concorreron 23 aspirantes (13 de España, catro de Portugal, dous de Italia e un de Dinamarca, Islandia, Grecia e Irlanda) e que rematou coa resolución da comisión avaliadora e as posteriores contratacións das investigadoras e investigadores seleccionados, por un período de tres anos.

campus-2

Martinho Marta, Ana Querejeta, Sandra Martí­nez (detrás), Susana Magadarín, Paula Sánchez (detrás), Salustino Mato, Asunciónn Longo, Adolfo Fernández e Elsa Vázquez

Agradecemento e retos para as novas doutoras e doutores

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo e a responsable de Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez, foron os encargados hoxe de dar a benvida a este grupo de investigadoras e investigadores, que xa están incorporados aos seus postos, a excepción de Iria Fernández que aínda se atopa en EEUU. Mato agradeceu aos investigadores que apostasen por esta convocatoria “esixente e competitiva” e destacou o “inusitado de que unha universidade, sen apoio dos gobernos, sexa quen de pelexar contra vento e marea para captar e reter talento”, en referencia aos programas que neste intre ten a Universidade de Vigo en vigor e que a fan “única en España”, asegurou o reitor. Mato lembrou que a captación de talento era un dos obxectivos de Campus do Mar e expresou o seu desexo de que se poidan establecer novos instrumentos para que estas investigadoras e investigadores poidan ter continuidade no futuro, algo para que o demandou a actuación dos dirixentes políticos.

A responsable de Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez, lembrou as fases dun proceso que culminou coa contratación das e dos doutores, dos que destacou os seus importantes currículos científicos e aos que animou a dar o máximo “e a axudar a que Campus do Mar sexa máis recoñecido internacionalmente”.

Avaliación da contaminación, xenómica aplicada ao estudo da evolución ou patrimonio pesqueiro

Sandra Martínez e Paula Sánchez, logroñesa a primeira e ourensá a segunda, estudaron ambas Ciencias do Mar na Universidade de Vigo e a partir de agora comparten localización na Ecimat, aínda que en grupos de investigación distintos, o de Ecoloxía Costeira no caso de Paula e o de Cambio Global: observación, experimentación e modelado no de Sandra. “Campus do Mar representa unha oportunidade única de colaboración interdisciplinar para estudos relacionados co océano”, asegura a rioxana que chega a Vigo procedente da Linnaeus University de Suecia e que traballa no estudo da resposta das comunidades microbianas mariñas aos aportes de nutrientes de orixe antropoxénica no contexto do cambio global. Pola súa banda, Paula Sánchez, presentou a súa candidatura á FellowSea porque tras dúas estancias postdoutorais en Canada e en Portugal “este proxecto dábame a oportunidade de continuar coa miña carreira investigadora sen ter que facer sacrificios persoais xa que, a miña parella ten un traballo estable en Galicia e non queriamos seguir mantendo unha relación vivindo a 300 quilómetros”, explica a investigadora, chegada da Universidade de Aveiro, que traballa na avaliación da contaminación e a ecotoxioloxía no medio mariño e que considera Campus do Mar “unha aposta moi axeitada para as universidades galegas dada a presenza do mar e as actividades relacionadas con el na nosa sociedade”.

Aínda en EEUU, na California Academy of Science de San Francisco, Iria Fernández apura o seu regreso a Vigo para incorporarse ao Grupo de Tecnoloxías Omícas Aplicadas ao Medio Mariño do Cinbio. Santiaguesa, titulada en Bioquímica pola Universidad Complutense de Madrid, Iria considera esta unha boa oportunidade para vivir y traballar en Galicia e aplicar a experiencia adquirida durante seis anos como investigadora en EEUU e Xapón, onde se dedicou, sobre todo ao estudo da evolución, ecoloxía e conservación da biodiversidade dos arrecifes de coral. “Aínda que Galicia e España non teñen arrecifes de coral, sinto que nun mundo globalizado é imporante coñecer estes ecosistemas tan ricos e gañar a conciencia da importancia de responsabilizarnos e transformar a nosa sociedade para facela máis sostible desde un punto de vista ambiental”, salienta a investigadora, que centra a súa liña de traballo na xenómica mariña aplicada ao estudo da evolución, ecoloxía e conservación da biodiversidade mariña. Xunto a Iria Fernández, desenvolverá o seu labor no Cinbio Susana Magadán, viguesa, licenciada en Bioloxía pola Universidad Autónoma, que considera a súa incorporación a Campus do Mar “unha oportunidade para o desenvolvemento da miña carreira, pero tamén un desafío, xa que vou traballar con especies diferentes, e iso sempre require eliminar moitas ideas preconcibidas, e ademais vou realizar un estudo que apenas outros tres grupos no mundo están a facer con salmón, troita e peixe gato”. A liña xeral do traballo de Susana Magadán, que chegou procedente do Institut National de la Recherche Agronomique de Francia, é a aplicación de técnicas de secuenciación masiva na caracterización da resposta inmune adaptativa ou Inmunoma, en especies de peixes mariños. Tamén no Cinbio, no Grupo de Nanotecnoloxía, traballa xa Ana Querejeta, que chegou da University of Toronto, para centrarse no estudo da tecnoloxía para o sector industrial mariño.

No caso de Adolfo Fernández, que chegou a o campus de Ourense desde a Universidade de Coimbra, o seu traballo aborda un eixo de investigación ata o de agora ausente de Campus do Mar: o que aborda o estudo do patrimonio antigo nas costas galegas, con especial atención á costa das Rías Baixas. “”Esta liña de traballo aborda importantes aspectos do noso patrimonio arqueolóxico en ámbito costeiro que non só se limitan ao estudo dos sitios produtivos (salinas, fábricas de salazón..) e habitacións (castros, vilas, vicus…), senón que tamén se estudan os modelo produtivos antigos, a exportación dos produtos ou as técnicas de produción de conservas de peixe na época romana”, explica o investigador, que tamén estudará a avaliará os riscos e ameazas que están a sufrir estes xacementos. No campus de Ourense tamén desenvolverá o seu labor Isabel Rodríguez, que procente da Universidade de Reading (Reino Unido) se incorporará ao Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias para centrarse na investigacion dos recursos mariños, concretamente na xestión integrada, transformación e valorización.

Pola súa Martinho Marta Almeida desenvolve a súa liña de investigación centrada na oceanografía operacional no IEO da Coruña a onde chegou procedente da Universidade de Aveiro.

Fonte:

Duvi

Share This