ulla-1

O Grupo de Oceanografía analizou os incrementos de caudal e precipitacións en relación coa turbidez

Sete anos estudando a variación da turbidez na desembocadura do río Ulla para previr perdas no sector marisqueiro

Duvi | Vigo

Unha elevada concentración de partículas na auga dificulta o paso da luz a través da columna de auga, reducindo a profundidade da capa fótica e afectando aos organismos fotosintéticos. Pero unha elevada turbidez, a propiedade óptica da auga que representa a cantidade de luz que reflicte a materia en suspensión, tamén pode ter efectos negativos sobre os organismos bentónicos non fotosintéticos, unha vez que a materia en suspensión comeza a sedimentar. Precisamente a achega de sedimento que traen consigo as riadas, pode producir altas taxas de mortalidade nos bivalvos, con graves repercusións económicas en zonas de produción marisqueira. Tal é caso da ría de Arousa, onde cada ano se extraen ata 700.000 quilogramos de ameixa, unha produción moi sensible ás riadas, tanto polo descenso da salinidade, que ocasiona a chegada de auga doce, como pola achega de sedimento, dado que o enterramento dos organismos cultivados pode ocasionar elevadas taxas de mortalidade nos bivalvos, con graves repercusións na economía local.

Co obxectivo de predicir a turbidez nos ríos, o que permitiría previr posibles perdas económicas para o sector marisqueiro, así como os danos ocasionados nos organismos, o doutor en Ciencias do Mar e coordinador da Unidade de Oceanografía da Ecimat, José González, participou entre os anos 2008 ao 2015 nunha investigación do Grupo de Oceanografía da Universidade de Vigo, coordinada por Ramiro Varela, centrada no estudo dos valores da turbidez no tramo final do río Ulla, concretamente da súa desembocadura na ría de Arousa. “Mentres a monitorización da salinidade é unha tarefa fácil de realizar e a predición da súa evolución en función das chuvias e do caudal do río non conlevan gran dificultade, a turbidez presenta máis problemas”, explica González, en relación, por unha banda, á necesidade de manter limpa en todo momento a lente do sensor responsable da monitorización e, pola outra, por que a relación entre a turbidez e o caudal ou a chuvia aínda non son ben coñecidos, o que impide realizar unha previsión dos valores da turbidez en función das previsión destas variables.

Para acadar unha mellor comprensión da variación temporal dos valores de turbidez, monitorizouse cunha frecuencia horaria e durante sete anos, os valores de turbidez no tramo final do río Ulla, “o que permite establecer a relación cos valores de caudal e precipitacións rexistradas”, explica José González, que neste intre traballa no procesamento dos datos recollidos. Con este obxectivo utlizáronse dúas estacións de medición no tramo final do río Ulla e empregáronse os datos de precipitacións rexistrados nas estacións de Meteogalicia situadas na cunca do río, así como os datos de caudal da estación situada augas arriba.

ulla-2

O doutor en Ciencias do Mar e coordinador da Unidade de Oceanografía da Ecimat, José González

Establecida unha relación entre os incrementos de caudal e o aumento de valores de turbidez

“É lóxico pensar que a turbidez da auga pode depender das precipitacións, polos sedimentos que arrastran as chuvias coa auga de escorrentía, ou dos aumentos do caudal, polos sedimentos que arrastran os ríos durante as crecidas”, explica o coordinador da Unidade de Oceanografía da Ecimat. Non obstante, ao longo dos sete anos de estudo comprobouse que o promedio mensual de turbidez non presenta diferenzas significativas ao longo do ciclo anual, así como tampouco se atopou unha relación directa dos valores de turbidez coa chuvia e o caudal. “Significa isto que non existe ningunha relación entre a turbidez e as chuvias ou o caudal? A resposta é non, o que implica isto é que a relación é máis complexa”, explica González.

Dunha banda, o investigador sinala que o río Ulla ten o seu caudal regulado por presas, o que fai que este non dependa unicamente das chuvias, senón que a auga pode ser liberada de xeito progresivo ou incluso con anterioridade a que se produzan as precipitacións. “Non obstante, si se conseguiu establecer unha relación entre os incrementos de caudal e o aumento dos valores de turbidez. É dicir, cando se produce un incremento de caudal observouse que con frecuencia leva asociado un incremento dos valores de turbidez, pero con posterioridade ao aumento de caudal, aínda que este siga sendo elevado, os valores de turbidez volven á normalidade”, sinala o investigador, que explica que isto se debe a que é durante a fase de aumento de caudal cando se produce un maior arrastre de sedimentos por parte do río, de xeito, que tras ese incremento inicial, a cantidade de materiais en suspensión vai diminuíndo, independentemente do valor do caudal nese intre. “Esta é a causa de que non se poda establecer unha relación directa entre o valor do caudal e a turbidez, xa que esta depende unicamente da súa variación e non do seu valor absoluto”, explica o investigador.

ulla-3

Sensor óptico para determinar os valores de turbidez na auga

Previsións de chuvia e de caudal para coñecer o nivel de risco dun aumento da turbidez

A investigación desenvolvida estes últimos anos tamén permitiu confirmar que existe unha relación entre a magnitude do incremento da caudal e das precipitación e a probabilidade de que se produza un aumento de turbidez. Así, canto maior sexa a magnitude do incremento do caudal ou maiores sexan as precipitacións, máis probable é que aumente a turbidez en augas do río. Así mesmo, a probabilidade de que aumente a turbidez tamén e maior cando o aumento de caudal vai asociado a un episodio de chuvias.

“A modo de exemplo podemos dicir que a probabilidade de que aumente a turbidez no río varía entre un 60% cando se produce un aumento de caudal, de calquera magnitude, e valores superiores ao 90% cando o caudal se incrementa en máis dun 50% e rexístranse chuvias superiores aos 10 l/m2 “, detalla José González, que sinala que estes datos cos que están a traballar na actualidade, permitirán que a partir das previsións de chuvia e de caudal para a zona, sexa posible predicir o nivel de risco de que se produza un aumento de turbidez que poida ocasionar danos nos organismos e así previr posibles perdas económicas para o sector marisqueiro.

Imaxe destacada:

Estación para a monitorización dos valores de turbidez instalada no río Ulla

Share This