Un can en A Grixoá . Foto: O derradeiro bafo

Alumnos e titulados de Publicidade e RRPP retratan aldeas de ata 10 veciños en ‘O derradeiro bafo’

Retratos dunha Galicia que esmorece

O resultado da súa viaxe recolleráse no libro de fotografías que presentarán nos próximos meses

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Santa Cristina, en O Incio; A Servaínza, en Viana do Bolo; A Edrada, en Vilariño de Conso; Os Anguieiros en Quiroga; A Grixoá e A Cela en Chantada; e Santa Cristina, en A Veiga, son sete aldeas galegas cun elemento en común; todas elas contan con menos de dez habitantes. Esta cifra foi precisamente a que as converteu en protagonistas de O derradeiro bafo, o proxecto que, no marco do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, levou ao estudante de Publicidade e Relacións Públicas Manuel Chapela e á egresada Cristina Ferreiro a unha viaxe por estas sete aldeas, co propósito de documentar a realidade dos seus veciños e veciñas nas fotografías que se verán recollidas no libro que publicarán nos próximos meses.

“Buscamos como podiamos desenvolver un proxecto sobre aldeas galegas a piques de desaparecer que fose tamén unha viaxe”, explica Chapela da iniciativa que desenvolveron xunto ao tamén titulado en Publicidade e RRPP Miguel Ángel Acosta, María Losada e Manuel Illán, no marco da convocatoria aberta pola Dirección Xeral de Xuventude para proxectos desenvolvidos por grupos de mozos e mozas. Aquela idea inicial levou a unha listaxe de núcleos de poboación galegos cun máximo de dez habitantes, coa que facer unha selección previa da que foron caéndose “algúns que tiñan unha piscina ou unha casa de turismo rural, xa que non mantiñan esa esencia que buscabamos”. Así, remataron por seleccionar os sete destinos aos que, nunha viaxe de 20 días en furgoneta, Chapela e Ferreiro se desprazaron co obxecto de coñecer e documentar en imaxes a vida dos seus habitantes.

“Aínda que estudemos publicidade, a idea non é vender as vilas. O proxecto non busca ser algo dramático, queríamos contar a súa historia, a súa forma de vida, o ben que están alí…”, relata Chapela dunha iniciativa que os levou a coñecer unha serie de aldeas das provincias de Ourense e Lugo, que, como recoñece, “cando morra unha xente que agora ten entre 60 e 80 anos, acabáronse”.

Unha viaxe documentada nun libro

Nun percorrido no que se detiñan dous ou tres días en cada destino, co obxectivo tanto de recoller as historias dos seus habitantes, ou do seu único habitante no caso de A Grixoá, como de plasmalos en fotografías analóxicas e dixitais, os impulsores de O derradeiro bafo recoñecen ter vivido unha experiencia moi valiosa. “Cando chegabamos, a primeira hora había como unha falsa tensión, pero logo comezaban a soltarse e non paraban, ata o punto de convidarnos a cear e animarnos a que quedaramos uns días con eles, recoñece Chapela.

Trala realización desta viaxe no mes de xullo, os impulsores deste proxecto atópanse actualmente “na fase de posprodución” do libro no que darán conta do que foi O derradeiro bafo, unha publicación na que combinan unha selección das imaxes tomadas nas diferentes aldeas con textos “nos que recollemos a nosa experiencia, contamos como nos sentimos e como nos acolleron, que foi algo incrible”. A textos e imaxes engádense ademais unha serie de ilustracións, froito da convocatoria que abriron a través das redes sociais para sumar as achegas de diferentes artistas a este proxecto. O resultado final reuniráse nun libro con exemplares seriados que proxectan distribuír nas últimas semanas do ano, o que os levará de novo ata as sete aldeas retratadas, xa que, como lembra Chapela, “á fin e ao cabo, os protagonistas son seus veciños e veciñas”.

Fonte:

Duvi

O derradeiro bafo

Imaxe destacada e fotogalería:

© O derradeiro bafo

Share This