Programación obradoiros na UVigo

  /  ACTUALIDADE   /  Programación obradoiros na UVigo

Programación obradoiros na UVigo

Fotografía, guitarra, teatro, preparación de traballo e musica tradicional, entre as opcións

A programación de obradoiros renóvase e inclúe un curso sobre lingua e cultura da comunidade xorda

A natureza está moi presente, con talleres cosmética natural, agricultura ecolóxica e micoloxía

M. Del Río | Vigo

Cultura e natureza danse a man na nova programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o primeiro cuadrimestre. A cursos xa consolidados como os de guitarra e teatro, nesta ocasión únense varias novidades e consolídanse outras alternativas que foron acadando moi boa aceptación nos últimos anos. A principal novidade é o curso de lingua de signos españolas, titulado Comunícate coas túas mans: lingua e cultura da comunidade xorda, que ofrece nocións básicas para que os participantes poidan expresarse con mensaxes simples e comunicarse con persoas que precisen empregar esta lingua. Palabras icónicas, presentacións, descricións ou expresións habituais axudarán aos alumnos e alumnas deste obradoiro a desenvolverse nesta contorna.

O curso de fotografía e o de música tradicional galega, “tamén os podemos considerar novidades para esta nova oferta”, explica Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais. O primeiro deles terá unha nova orientación cara o eido dixital, facendo especial fincapé na impresión, mostra e conservación das imaxes así como unha introdución ao portfolio. No caso do obradoiro de canto, gaita e baile tradicional, é unha idea que se retoma tras varias edicións nas que tiña desaparecido da programación. Desta volta, regresa da man de Son das Lagoas, unha agrupación musical posta en marcha por persoal PAS e PDI da Universidade co fin de dotar á institución dun conxunto musical propio. Neste sentido, no obradoiro poderá participar tanto aqueles que se queiran iniciar nos instrumentos ou no baile, como aqueles que xa teñen coñecementos, coa vista posta en fornecer e facer crecer esta agrupación de música tradicional do campus.

Os segredos da natureza

A contorna natural centra tres dos obradoiros para este primeiro cuadrimestre. O primeiro deles, dirixido pola profesora Marisa Castro, regresa á programación tras o éxito obtido noutras ocasións e terá uns contidos eminentemente prácticos, con saídas por diferentes ecosistemas do campus co fin de identificar os diferentes tipos de cogomelos que se dan en segundo que lugares. Os participantes tamén aprenderán a identificar, recoñecer, determinar as particularidades e, por suposto, a cociñalos.
Tamén repite o obradoiro de cosmética natural que aposta por aproveitar plantas e especies que ofrece a contorna para fabricar produtos de cosmética e hixiene persoal como xeles, pastas de dentes, cremas hidratantes ou ungüentos para dores ou picaduras. Neste caso, na pasada edición enchéronse todas as prazas e, dada a lista de agarda, decidiuse repetir a experiencia. O obradoiro de agricultura ecolóxica é outros dos que continúa, posto en marcha na pasada primavera e que agora se retoma para planificar o deseño da horta, traballar coas sementes ou a compostaxe, de xeito que o terreo esta preparado para época de semente, tendo así unha horta en funcionamento durante todo o ano.

O programa de obradoiros complétase con cursos que repiten con moita aceptación cada ano, como o de guitarra, cunha edición de mañá e outra de tarde, e o de iniciación ao teatro, que terá continuidade no segundo cuadrimestre para a posta en escena dunha obra que se estreará no teatro universitario. Finalmente, a oferta complétase co curso de elaboración e presentación de traballos co obxectivo de que os participantes aprendan a crear, redactar, presentar e expor un traballo, xa sexa académico, de fin de grao, de mestrado, unha tese ou un estudo científico. Traballaráse tanto a escrita, como os programas de edición de textos e as técnicas de comunicación en público, para o que se contará cun actos que axudará aos asistentes a enfrontarse ao medo escénico.

O prazo de matrícula para todos os cursos está aberto dende este luns 19 ata o 30 de setembro e están validados por 1 ECTS ou 2 créditos de libre elección. Os prezos varían entre os 26 € para membros da comunidade universitaria e 40 € para o público en xeral.

Fonte:

Duvi

Share This