Esteiro do Miñor

Nas Rías Baixas de Galicia, en concreto ao sur da ría de Vigo, entre os concellos de Nigrán e Baiona, fronte ás illas Cíes, atópanse a enseada de Baiona, o esteiro do río Miñor e as marismas da Ramallosa.

Un espazo natural de enorme valor e beleza.

O esteiro do río Miñor e as marismas da Ramallosa forman un espazo que está separado e protexido do mar aberto pola ampla barra areosa de praia Ladeira. Cara o norte está defendido polo Monte Ferro, os illotes das Serralleiras e as illas  Estelas.

A Ramallosa está declarada como Zona de especial protección dos valores naturais dentro da Rede Natura 2000, ZEPA (Zona de Especial de Protección para as Aves) e LIC (Lugar de Importancia Comunitaria).

Destacamos neste caso o seu sistema de dunas, cun dominio de  vexetación halófila (que convive entre gran cantidade de sal) entre o litoral e a ponte da Ramallosa, que vai sendo substituída por fanerófitos propios de auga doce, con predominio de vexetación lacustre como spartina, carrizos e xuncos segundo nos afastamos do mar.

Asistimos ao espectáculo de floración da vexetación das dunas na estación da primavera, de múltiples especies de plantas que soportan condicións adversas e moi extremas. Todas elas sofren adaptacións específicas á falta de auga doce, o vento, a insolación e á influencia das pingas mariñas e o sal. Sorprende que estes condicionantes non lles resten beleza. Ao contrario.

Esta vexetación das dunas está ordenada en franxas segundo a proximidade do mar.

Poderemos observar a través destas imaxes especies coma feo de praia e outras gramíneas, abelá da terra, cardo mariño, carrasca de San Xoán, arenaria do mar, alelí mariño, correola ou arrecendo das dunas.

O esteiro do río Miñor e as marismas da Ramallosa son un lugar de gran importancia para as aves acuáticas, mariñas e terrestres, destacando como espazo para a invernada de limícolas, anátidas e ardeiformes.

O río Miñor enche e enriquece esta parte da enseada de Baiona cos seus aportes sedimentarios que se van espallando mansamente nesta zona, converténdose nun lugar para a práctica do marisqueo e provedor de alimento para as aves.

Existen itinerarios sinalizados e paneis informativos e interpretativos para uso e desfrute do público en xeral e dos amantes da observación da natureza e da ornitoloxía en concreto.

Imaxes:

– Esteiro do Miñor (imaxe destacada): «Esteiro do Miñor 1» por HombreDHojalataTrabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 4.0 vía Wikimedia Commons.

– Cartel Rede Natura: «Rede Natura 2000 A Ramallosa» por HombreDHojalataTrabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 4.0 vía Wikimedia Commons.

– Cartel zona LIC: «LIC A Ramallosa» por HombreDHojalataTrabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 4.0 vía Wikimedia Commons.

– Cartel coidado vexetación protexida: «Coide desta vexetación protexida» por HombreDHojalataTrabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 4.0 vía Wikimedia Commons.

Share This