Perseidas, o máximo da chuvia de estrelas producirase na noite do día 12 ao 13 de agosto

  /  ACTUALIDADE   /  Perseidas, o máximo da chuvia de estrelas producirase na noite do día 12 ao 13 de agosto

Perseidas, o máximo da chuvia de estrelas producirase na noite do día 12 ao 13 de agosto

Perseidas,o máximo da chuvia de estrelas producirase na noite do día 12 ao 13 de agosto

Dende que no ano 36 d.C. se tivo a primeira testemuña, as Perseidas acoden puntualmente á súa cita de agosto. Este ano rexistrarán a súa máxima actividade na noite do 12 ao 13 (concretamente entre as 16.00 horas do 12 e as 4.30 horas do 13). Mais dado que a Lúa se atopa en fase menguante e sairá cara ás 00:20 do día 13, o director do Observatorio Astronómico Ramón Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo, recomenda comenzar antes a observación.

Para un correcto avistamento é recomendable situarse nun lugar suficientemente alonxado das luces de vilas e cidades e colocarse preferentemente deitado mirando cara arriba e ao leste. O OARMA colabora con Cidade da Cultura de Galicia na organización dunha sesión especial para a observación das Perseidas dende as instalacións de monte Gaiás a partir das 22.30 horas do mércores 12.

 

Perseidas ou bágoas de San Lourenzo

Estas estrelas reciben o seu nome porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo. Ademais, a súa acepción como Lágrimas de San Lourenzo atribúeselle porque no pasado eran visibles o día 10, aínda que en realidade poden observarse esporadicamente dende o 17 de xullo ao 24 de agosto.
As chamadas chuvias de estrelas prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ao moverse arredor do Sol. No caso concreto das Perseidas, o cometa proxenitor é o 109P/Swift-Tuttle, descuberto en 1862 dende Estados Unidos por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle case de forma simultánea. Pouco despois, o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli foi quen advertiu da súa relación coas Perseidas. O Swift-Tuttle describe a súa órbita en pouco máis de 135 años, e foi en decembro de 1992 cando pasou por última vez polas cercanías do Sol.

Outras observacións
Nesta época serán visibles tamén distintos obxectos de grande interese. Unha vez teña anoitecido, e sempre dende lugares ben escuros, haberá a oportunidade de contemplar a Vía Láctea, que pasa por constelacións como a propia Perseo, Cassiopea, o Cisne, a Aguia e Saxitario.

Tamén se verán tres estrelas brilantes: Vega (en Lira), Altair (en Aguia) e Deneb (en Cisne), que constitúen o chamado Triángulo de Verán e que, aproximadamente, cara á unha da madrugada poderá verse no máis alto. Ademais, cabe mencionar tamén a constelación de Perseo, que sae na Península a media noite cara o noroeste. Está situada entre Cassiopea (visible toda a noite coa súa característica forma de W ou M) e o Toro (que sae máis tarde, sobre as 2.30). En Perseo, con axuda duns prismáticos é posible observar o famoso Dobre Cúmulo, constituído por dúas asociacións estelares moi próximas.

Ademais, coa axuda dun pequeno telescopio terase acceso á nebulosa anular de Lira (cerca de Vega) así como ao cúmulo globular M13 en Hércules ou á estrela dobre Albireo Cisne, no que unha compoñente é azul e a outra laranxa.

 

Universidade de Santiago de Compostela | Teléfonos: 34 981 563 100 e 34 982 285 900 | Contacto

Share This