pintos 5

Peixes que non se moven por Ecoloxía Azul

Parece que o mar é infinito e apenas ofrece barreiras ao movemento das criaturas que o habitan. No seu día xa falamos de como se moven os peixes, pero hai peixes que se moven pouco, moi pouco. Hoxe queremos falarvos dunha especie de sobre coñecida polos lectores de Ecoloxía Azul, o pinto e/ou maragota. Resulta que os machos desta especie, na época de reprodución, fanse fortes nunha zona moi pequena do fondo do mar. Tan pequena que en ocasións apenas comprende 4 ou 5 pequenas rochas adxacentes. Durante uns meses non se moverán desa zona onde tentarán atraer femias que depositen os seus ovos, para logo fertilizalos. Ata aquí nada novo. O curioso desta especie, é que ano tras ano seleccionan as mesmas pedras para as súas tarefas reprodutivas. Hoxe traemos, en primicia mundial, documentos gráficos que así o demostran. Trátase dun dos casos mais radicais de fidelidade espacial que se coñecen, mantida ademais durante moitos anos.

O pinto/maragota é un dos casos mais radicais de fidelidade espacial que se coñecen en peixes

Fixádevos neste pinto, fotografado nunha rocha moi concreta na canle que separa San Martiño de Faro, nas illas Cíes, no mesmo mes de dous anos diferentes.

pintos 1

Parécense moito verdade?, porque é o mesmo individuo!. Fixádevos nos debuxos da cara: o patrón facial de pintos e maragotas permite recoñecelos individualmente.

O patrón de coloración facial permítenos recoñecer pintos/maragotas individualmente

Fixádevos agora nesta maragota que fotografamos e marcamos preto das illas Estelas no ano 2010, e de novo dous anos máis tarde (xa sen marca). O patrón da cara é exactamente o mesmo. É o mesmo animal.

pintos 2

Por último, presentámosvos a este macho, protagonista do documental Marcados para Sobrevivir, que marcamos en 2011 e avistamos na mesma roca durante todo 2011, 2012 e 2013. Deste macho ademais temos información extra, posto que seguimos os seus movementos con telemetría acústica durante 16 meses, como sabedes.

pintos 3
Ademais do patrón facial claro e idéntico en ambas as fotos, esta claro que é o mesmo peixe, pois está marcado por nós.

Son só tres exemplos de fidelidade extrema a unha escala pequenísima: a mesma rocha. No caso do pinto tratábase dunha roca bastante grande (1.5 m de altura aprox), e no caso da maragota de Estelas, atopámola moitas veces ao longo de 3 anos preto dun anaco de metal dun pecio (o Ivy) de aproximadamente 1 metro de lonxitude. A última maragota (coñecida como Ulises) atopámola sempre nunha roca moi baixa e alongada, de non máis de 1.5 metros de lonxitude, e disposta no medio da area que rodea ao arrecife de Viños, nas illas Cíes. Neste mapa resumimos onde se realizaron as observacións, sempre na contorna do arquipélago de Cíes.

pintos 4

Existe un caso aínda máis rechamante que é un pinto que domina unha roca no baixo coñecido como “Os Cegos”, na ría de Vigo, que segundo o noso colaborador J. Irisarri leva na mesma roca máis de 15 anos. Impresionante!

Artigo publicado o 15 de maio de 2017 por Ecología Azul-Blue Ecology

Share This