Parella de mazaricos rubios na beiramar da ría de Vigo

  /  FOTOBLOG   /  Parella de mazaricos rubios na beiramar da ría de Vigo

Parella de mazaricos rubios na beiramar da ría de Vigo

O mazarico rubio (Limosa lapponica) é unha ave limícola.

Os adultos miden uns 38 cm. Patas e peteiros longos, este último revirado lixeiramente cara arriba, a cola con bandas delgadas brancas e negras. É un pouco máis pequeno que o mazarico rabinegro (Limosa Limosa) ao que se asemella.

Sexos semellantes aínda que a femia mostra sempre unha coloración máis apagada e peteiro máis longo. En plumaxe invernal ten as partes superiores pardas cincentas e as partes inferiores claras. En plumaxe estival, neste caso, ten a cabeza, pescozo e partes inferiores castañas arrubiadas.

Máis costeira que o seu parente o rabinegro  é unha ave migratoria no noso territorio que aparece principalmente ao longo do período migratorio e con moito menos frecuencia, durante o período de inverno. Ocupa areais, esteiros, zonas húmidas costeiras e mesmo encoros da costa cantábrica-atlántica da Península,

A súa dieta esta baseada nunha rica variedade de invertebrados, principalmente vermes, miñocas, pulgas de mar, insectos, moluscos, pequenos crustáceos e anélidos que captura na lama, en ocasións a certa profundidade grazas ao seu longo peteiro

O seu hábitat é a tundra aberta, en zonas enchoupadas e marismas próximas a bosques do Ártico (incluída Islandia) e Alasca. Migran no inverno cara Europa occidental, África, sur de Asia, Australia e Nova Zelandia,

Na península Ibérica obsérvase en paso e inverna en pequena cantidade. En Galicia tamén, mais sobre todo entre setembro e outubro e como invernante non é escaso.

Durante as súas migracións aparece en zonas costeiras da península, aínda que sexa moito máis abundante na fachada cántabroatlántica e bastante raro no Mediterráneo. É común, nas Illas Canarias.

É unha ave que migra deixando os seus lugares de reprodución a finais do verán para pasar os seus abrigos normais de inverno. No noso territorio é observado entre abril e xuño, durante o paso pre-nupcial, e en setembro e outubro no post-nupcial, tanto na costa do Atlántico e do Golfo de Biscaia, e no Estreito de Xibraltar.

Imaxes:

Basilio Cegarra

 

 

 

Share This