barosa-1

Arredor de 80 persoas procedentes dos tres campus participarán este sábado na segunda ruta cultural

Os muíños do río Barosa e a fervenza de Segade, próximo reto para as andainas universitarias

O percorrido destaca polo seu valor paisaxístico

Duvi | Ourense
Despois de arrancar a súa programación cun percorrido polo Ourense Termal, as rutas culturais que cada curso organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, chegan este sábado, día 5 de novembro, á zona de Caldas de Reis. Arredor de 80 participantes procedentes dos tres campus universitarios realizarán a Ruta Muíños do Río Barosa-Fervenza de Segade, percorrendo un tramo do Camiño de Santiago Portugués. Nesta ocasión, o principal atractivo do percorrido será o seu valor paisaxístico, segundo salientan desde a organización.

O itinerario, de 18 quilómetros de extensión e dificultade baixa-media, será Caldas de Reis, Segade de Arriba, O Tiñoso, Parque Natural Muíños do Río Barosa e Caldas de Reis. “Despois de entrar en campaña co paseo por Ourense e o baño termal, non abandonamos a auga e seguimos coñecendo os fermosos ríos galegos”, comentan desde a organización. “A ruta que realizaremos o sábado é preciosa. Está considerada como unha das máis destacadas en Galicia a nivel paisaxístico”, subliña José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios. Trátase, engade, dun itinerario “moi ben sinalizado e pensado”, con “muíños moi ben restaurados, zona de descanso e cun tramo do Camiño de Santiago Portugués que se afasta do asfalto”.

barosa-2

Arredor de 80 persoas procedentes dos tres campus participarán este sábado na segunda ruta cultural. O percorrido destaca polo seu valor paisaxí­stico.

A matrícula en cada un dos roteiros pode facerse en liña dende 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior á súa celebración. As tarifas varían en función da tipoloxía de público e do número de rutas que se queiran facer, sendo o prezo dunha andaina de dez euros para os membros da comunidade universitaria e de 15 para as persoas allea a ela e habendo bonos para cinco e once rutas. Concederanse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas ECTS polas de dous días de duración. Haberá autobuses para trasladar aos participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Nesta ocasión, a saída desde o campus de Ourense é ás 09.00 h.

Share This