premio-1

O primeiro artbook do programa de ilustración Krita inclúe obras do director creativo, Iván Rodríguez Arós

O traballo de Divulgare, recoñecido tamén pola súa calidade artística

O catálogo artístico comprende obras de 40 creadores de todo o mundo

M. Del Río | Vigo
Para os membros do equipo de Divulgare recibir premios e recoñecementos non é nada novo. Pero desta volta, en lugar das súas achegas á divulgación da ciencia e no eido da ecoloxía, o que se destaca é a calidade artística do traballo. Así, dúas ilustracións do director creativo do grupo, Iván Rodríguez Arós, acaban de ser seleccionadas para formar parte do primeiro artbook que publica Krita, que como explica Luis Navarro, director de Divulgare, é “unha aplicación de software libre de ilustración dixital potente e completa que non deixa de crecer, cunha comunidade de artistas que a empregan e melloran”. As súas dúas obras de Rodríguez Arós (con alias artístico Esfenodon) e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo formarán parte deste artbook xunto ás creación doutros 40 artistas de todo o mundo.

Tanto Rodríguez Arós como Navarro valoran moi positivamente este recoñecemento, dado que se presentaron máis participantes do agardado cun primeiro corte con máis de 90 candidatos. Finalmente o libro inclúe obras de artistas de todo o mundo, que traballan con estilos diferentes estilos e temáticas diversas pero que teñen en común que amosan como Krita é empregada no mundo real para crear arte “incrible e envolvente” como explican na súa propia web. Esfenodon explica que cada artista podía presentar dúas pezas, preferiblemente unha en cor e outra en branco e negro, co obxectivo de dar visibilidade tanto o debuxo como a ilustración. O que recoñece que lle resultou unha sorpresa é a selección das dúas ilustracións, dado o alto nivel tanto de participantes como de calidade. As súas dúas propostas, un debuxo en branco e negro dunha moza nunha terminal de carga e unha ilustración en cor dunha rapaza cun animal durmido cun dardo tranquilizante, foron feitas especificamente para presentar a esta certame. “Son unha prolongación, unha continuación do que levo facendo anos, tíñao na cabeza, pero materializouse para esta ocasión” explica e destaca que este tipo de ilustracións responden a unha liña de investigación que o artista desenvolve paralelamente ao seu traballo en Divulgare.

premio-2Iván Rodríguez Arós coa súa ferramenta de traballo

Este tipo de artbooks, como remarca o artista, son bastante habituais e a través deles os diferentes programas de ilustración e creación tratan de ofrecer unha compilación anual do traballo realizado polos artistas que os empregan. No caso de Krita esta é a primeira edición deste libro ou anuario creativo, o que Rodríguez Arós valora como un extra, xa que a primeira edición posiblemente acabe tendo bastante impacto. Destaca tamén o feito de que o Artbook de Krita lle permita divulgar o seu traballo en formato físico, en papel, porque ás veces os traballos dos artistas “quédanse no que se publica nunha páxina web e baixo pseudónimo, e neste caso o libro é un aliciente e un factor diferenciador”. Remarca ademais que formar parte deste libro lle permite coñecer e establecer contacto con outros creadores e creadoras, cos que no futuro poden xurdir sinerxías.

premio-3A segunda obra seleccionada

A unión entre ciencia e arte

Luis Navarro destaca que “o grupo humano que conforma Divulgare mantén un nivel de esixencia elevado nas facetas artística e científica” e boa mostra disto é que os seus integrantes seguen a publicar artigos científicos nas mellores revistas de ecoloxía ao tempo que os artistas reciben o recoñecemento da comunidade internacional, como é o caso de Iván Rodríguez Arós. Por iso subliña que a “satisfacción é dobre”, por un lado, porque Rodríguez Arós entrar a formar parte dunha reducida lista de 40 artistas de todo o mundo o que supón un “fito a nivel artístico” e, por outro, porque se está a “axudar en primeira liña a que o proxecto Krita siga crecendo”. E é que este programa é unha aposta colaborativa de software libre, unha aplicación para ilustración e pintura dixital de balde de utilidade tanto a afeccionados como a profesionais da ilustración, caricaturistas e pintores dixitais. Por todas estas vantaxes, e tras un estudo previo das capacidades do programa, os membros de Divulgare decidiron integrar Krita profesionalmente no día a día do grupo apostando pola vía de migrar toda a liña de produción cara a ferramentas de software libre.

Imaxe destacada:
A obra de Iván Rodríguez Arós en branco e negro seleccionada
Share This