Viewty

Nun encontro organizado ao abeiro do proxecto europeo Life Seacan, do que é socia a Universidade

O sector conserveiro e do procesado da pesca debate sobre a xestión sostible da industria

Representantes das empresas, especialistas científicos e xestores ambientais reuníronse en Anfaco este mércores

M. Del Río | Vigo

Representantes da industria conserveira e da transformación da pesca, persoal científico e investigador e expertos de empresas de xestión ambiental participaron este mércores no campus de Vigo nunha xornada de traballo para afrontar os retos ambientais desta industria. Este evento encádrase dentro das actividades formativas e divulgativas do proxecto europeo Life Seacan, que lidera Cetaqua e do que son socias as universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

A sede de Anfaco-Cecopesca acolleu esta xuntanza na que se abordaron as tecnoloxías e solucións innovadoras para afrontar os retos medioambientais da industria conserveira. A finalidade era reunir profesionais e entidades relacionadas coa xestión de efluentes da industria procesadora de peixe tanto nacional como local, para analizar a situación actual deste eido e debater posibles solucións que permitan unha xestión máis sostible. Para iso, presentáronse os retos ambientais do sector, os programas de financiamento para a industria alimentaria, casos de éxito de diferentes empresas e tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas industriais e recuperación de recursos, entre elas a proposta do proxecto Life Seacan, que presentou o investigador Iván Rodríguez, de Cetaqua. Segundo explicou a finalidade deste consorcio é avaliar dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para o tratamento das augas residuais procedentes da actividade industrial conserveira de peixe. Esta iniciativa arrancou en setembro de 2015 e na actualidade xa se iniciou a fase de instalación nunha fábrica conserveira de dous prototipos con dúas tecnoloxías de biopelícula diferentes, un baseado en lodo granular aerobio e outro en biorreactores híbridos, e os científicos dos proxecto agardan comezar a ter resultados destacables no primeiro trimestre do vindeiro ano. Con todo, os membros do consorcio agardan que estes sistemas permitan a redución do consumo enerxético nun 20% como mínimo; a mellora da calidade do efluínte, eliminando ata un 90% do nitróxeno e un 95% da materia orgánica; e tamén se agarda conseguir unha redución da pegada de carbono nun 25%.

anfaco

Representantes das empresas, especialistas científicos e xestores ambientais reuníronse en Anfaco este mércores

Programa da xornada

Tras o acto de apertura, da man de representantes de Augas de Galicia, Anfaco Cecopesca e Cetaqua, tivo lugar a primeira das conferencias, da man de Leticia Regueiro, de Anfaco, que afondou na lexislación ambiental aplicable ao sector do procesado de produtos mariños. Ao longo da mañá, participaron tamén Borja Saenz, do grupo Suez, que presentou o potencial da economía circular no sector conserveiro e noutras industrias alimentarias e Yago Lorenzo, de Cetaqua, que explicou a iniciativa EsAgua, que se centra en potenciar o valor da pegada hídrica no sector agro-alimentario. Por outra banda, Carlos Franco, do CDTI, presentou os programas de financiamento da industria alimentaria, para dar paso a un módulo sobre tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas industriais e valorización de recursos, no que se presentaron, ademais do proxecto Life Seacan, outros como Aquaval, impulsado dende a Universidade de Santiago de Compostela para a valorización do uso da auga en acuicultura utilizando sistemas multitróficos.

A segunda parte da xornada comprendeu a presentación do proxecto Valbiocef, no que Anfaco-Cecopesca avanza novas solucións na xestión de subprodutos de orixe mariño e un relatorio sobre a valorización de Sandach de orixe mariño non destinados á fabricación de fariñas. Tamén houbo tempo de expor casos de éxitos en xestión medioambiental, así como unha mesa redonda moderada polo profesor Jesús Souza Troncoso e director da Ecimat sobre as barreiras e oportunidades medioambientais da industria conserveira, na que participaron Pablo García, da conserveira Ignacio Gonzalez Montes SA; Inmaculada Rial, de Suez e Rosa Fernández, do Cetmar.

Imaxe destacada: © Santiago Boado Aguinaga

Share This