cabalo galego do monte

Coa incorporación da comunidade de montes de Estacas, en Fornelos de Montes

O proxecto para a conservación do cabalo galego do monte da EE Forestal suma novos socios

Este acordo de custodia do territorio dará continuidade á experiencia piloto do proxecto, que segue a dar resultados

Noemí Rey | Pontevedra
“O monte non é só unha masa forestal, senón que é un patrimonio tan importante como as catedrais e temos a obriga de participar na súa conservación”. Por este motivo, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas, en Fornelos de Montes, acaba de sumarse ao proxecto de estudo e conservación da raza Cabalo Galego do Monte levado a cabo polo grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal, que rematou a súa primeira experiencia piloto pero que segue a dar resultados.

Foi precisamente a boa marcha do proxecto, financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e a sinatura de convenio cos concellos de Cotobade e Cerdedo e coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caroi os que fixeron que “novos interesados se puxeran en contacto con nos amosando un grande interese en manter as poboacións desta raza de cabalos e por colaborar en medidas futuras”, explicou Xana Álvarez, investigadora do grupo AF-4.

É o caso da comunidade de montes de Estacas, que participará na custodia do territorio tras a sinatura dun convenio entre o seu presidente, José Antonio Feliciano, e o director do grupo de investigación da Universidade de Vigo, Enrique Valero. Na reunión tamén estiveron presentes os investigadores Xana Álvarez e Francisco Abilleira, así como os membros da directiva da comunidade de montes Raimundo Domínguez e José Antonio de la Riera.

Ferramentas para a conservación dos montes

Con 1405 hectáreas de monte ao pé da serra do Suído, para a entidade este acordo ten “moitísima importancia, porque ponnos en mans de expertos que nos poden aconsellar e orientar”, salientou De la Riera. Acollen con “moita ilusión” un proxecto para seguir traballando “na importantísima acción social do monte, no que o cabalo ten un papel fundamental, xa que, entre outras cousas, é un bombeiro extraordinario”. “Os nosos montes forman parte da historia e os propietarios temos a obriga de coidalos. Implicarse en proxectos piloto como este danos ferramentas moi útiles para conseguilo”, recalcou.

Continuidade durante dous anos

Os acordos asinados tanto coas comunidades de montes de Estacas e Caroi como cos concellos de Cotobade e Cerdedo servirán para dar continuidade durante polo menos dous anos máis á liña de investigación aberta co proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio na Serra do Cando e no Monte Cabalar, que xa rematou a primeira etapa como experiencia piloto dirixida a coñecer o estado das poboacións deste animal nestas dúas áreas, o seu comportamento natural e os diferentes factores que inflúen nelas.

sinaturaSinatura dun convenio de custodia do territorio entre o grupo de investigación AF-4 e a comunidade de montes de Fornelos

Deste xeito, os investigadores da Universidade de Vigo continuarán analizando a maior escala o estado das poboacións desta raza autóctona no espazo protexido da serra do Cando e na serra do Suído e comprométense a prestar asesoramento para a axeitada xestión dos espazos naturais, así como a traballar na busca de convocatorias públicas que permitan obter financiamento para proxectos que fagan posible a implantación de medidas concretas dirixidas á conservación da especie. Mentres, tanto as institucións como as comunidades de montes veranse na obriga de ter en conta a conservación do cabalo e do seu hábitat dentro das súas actuacións cotiás, ao tempo que deberán contribuír á difusión do proxecto e dos resultados para acadar un maior número de axentes e colectivos implicados.

Imaxe destacada:

Asociación pura raza cabalo galego

Share This