uav

A Universidade lidera esta iniciativa seleccionada na convocatoria europea BlueLabs

O proxecto LitterDrone empregará vehículos aéreos non tripulados para a detección de lixo mariño

Será o alumnado o que se encargue do desenvolvemento dun produto que debe chegar ao mercado

As illas Cíes é un dos lugares escollidos para realizar parte da fase de probas

M. Del Río | Vigo

Plásticos, latas, madeira, electrodomésticos, bolsas, redes… nos océanos hai todo tipo de residuos, consecuencia principalmente da actividade humana. Ademais da lexislación e dos labores de prevención e educación ambiental que eviten que o mar se converta nun vertedoiro, a limpeza destes restos require de tecnoloxías que permitan localizar con detalle, tipificar e caracterizar os restos nas zonas costeiras. Con este obxectivo e unindo os coñecementos de investigadores, empresas e sociedade civil nace o proxecto LitterDrone, seleccionado na convocatoria europea BlueLabs, que foi presentado este xoves na EE de Telecomunicación. A iniciativa está liderada polo Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) e conta coa participación do grupo I-markt, tamén da Universidade de Vigo, xunto coa empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas. A finalidade de LitterDrone é, como explica o profesor Fernando Martín, coordinador do proxecto e investigador do GPI-RV, “aplicar as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados ou drones para conseguir imaxes que posteriormente se procesarán para a detección de posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Trataríase, remarca, “de saber onde hai lixo e de que tipo para axudar ao persoal encargado da limpeza”.

little 1O proxecto LitterDrone empregará vehículos aéreos non tripulados para a detección de lixo mariño

Implicación do alumando para converter o proxecto nun produto comercializable

O proxecto ten dous anos de duración e un orzamento total de 392.657€, do que a Unión Europea achega 312.998€. As características da convocatoria BlueLabs, impulsada pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (Easme) e financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, condicionan en boa medida a iniciativa. O proxecto debe ser desenvolvido por estudantes titorizados por investigadores e representantes de empresas e, unha vez rematado o prazo de execución, debe xerarse un produto ou servizo que ten que chegar ao mercado. A finalidade desta convocatoria é dar respaldo é economía azul, a relacionada co medio mariño europeo a través de proxectos innovadores e multidisciplinares con capacidade para chegar a converterse nun produto tanxible que se poida poñer a disposición das necesidades e demandas da sociedade.

Esta sinerxía entre diferentes grupos de I+D, empresas e sociedade foi resaltada polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, no acto de presentación, destacando que este tipo de consorcios son moi importantes para acadar éxitos en convocatorias de concorrencia competitiva internacional. Lembrou tamén que neste caso se presentaron 50 propostas de toda Europa, sendo seleccionadas catro, tres delas con presencia da Universidade de Vigo. Xunto con LitterDrone, liderado por Vigo, foron seleccionados tamén SpilLess e Amalia, nos que están implicados dous grupos de Ciencias do Mar. De feito, a profesora do grupo GEOMA Ana Bernabéu adiantou nesta xornada as características de SpilLess, un innovador “laboratorio” para desenvolver solucións novas e viables na xestión da contaminación mariña, en particular, de mareas negras. Para o reitor “esta é a maneira de traballar e construír futuro, permeando e combinando capacidades, o que entendemos por cooperación intelixente”. O director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, incidiu tamén neste sentido e remarcou a importancia da converxencia do eido tecnolóxico e do científico, “campos que moitas veces están afastados”, para traballar a prol da saúde do planeta.

Desenvolvemento do proxecto

Pilar Zorzo, da Asociación Española de Basuras Marinas, foi a encargada de achegar unha visión xeral do proxecto, que xorde da loita por conseguir “un mar libre de residuos”, entendendo estes como restos sólidos e manufacturados que acaban en zonas costeiras, é dicir, “que son froito da actividade humana”. Explicou que a clave neste proceso “é saber que son, as cantidades que hai de cada cousa e onde están os restos”, non só para proceder a retiralos, senón tamén para coñecer a procedencia deses restos e emprender “medidas de xestión para previr a súa xeración”. A clave é “ a caracterización do lixo” e, con este proxecto tratarase de facer un seguimento dos restos dun xeito automatizado, para o que se empregarán drones equipados con cámaras dixitais. Esta é a parte da que se encargará a empresa Grafinta, que realizará varias fases de proba, en Huete (Madrid) e nas illas Cíes. Estes voos servirán para testar e elixir o tipo de avión e de cámara que se empregarán na segunda fase. Os expertos testarán un avión de ala fixa que voará a 100 metros de altura probando a eficacia dunha cámara visible, unha multiespectral e outra térmica. A proba repetirase cun avión multirrotor que tomará as imaxes entre 10 e 15 metros de altura. A partir dos datos obtidos decidirase que cámara e que drone empregar na segunda parte do proxecto. As imaxes que se obteñan a partir dese momento serán remitidas ao grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, que deseñará un software capaz de identificar os obxectos estraños das imaxes e de caracterizar de que tipo de resto se trata “baseándonos nas diferentes compoñentes espectrais (lonxitudes de onda) da luz que se reflicten en cada tipo de lixo”, explica Fernando Martín. Esta tarefa basearase na extracción da características, convertendo os datos e vectores numéricos que permitan despois desenvolver un sistema capaz de aprender os diferentes tipos de lixo mariño e de clasificalos. Paralelamente, os investigadores tratarán de obter tamén “unha imaxe global, xigantesca, de todas as zonas de mostraxe, combinando a información de todas as imaxes no referido a altura, lugar, ángulo de visión, etc.”

little 2Á esquerda, Pilar Zorzo, da Asociación Española de Basuras Marinas, que presentou as liñas xerais do proxecto

O resultado final “debería ser unha ou varias ferramentas software que permitan detectar os diferentes tipos de residuo: plástico, hidrocarburo…” e nesa última parte é na que se implicaría o grupo I-markt, que realizará un estudo dos posibles servizos e/ou modelos de negocio que poden xurdir para explotar a tecnoloxía desenvolvida, como destaca a investigadora Carmen Otero.

Os investigadores agardan que este verán comece a fase de desenvolvemento das aplicacións definitivas e que a etapa de validación e deputación das mesmas arranque un ano despois, en xullo de 2018, concluíndo o proxecto coa fase de mercado en xaneiro de 2019.

Imaxe destcada:

Recreación exemplo de UAV

By Aerosonde Ltd – Michael, screenshot from a PD Wallpaper, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=400540

Share This