naturalista dixital 1

O naturalista dixital por Ecoloxía Azul

A xente detívose a observar a biodiversidade dende sempre: a variedade de vida na Terra, en todas as súas formas e niveis. A descrición de novas especies e o mapeo da súa distribución foi unha actividade importante no desenvolvemento da bioloxía e ecoloxía. Hoxe en día hai centos de millóns de observacións e datos relacionados coa biodiversidade en museos, herbarios, coleccións, bases de datos, cadernos de campo e publicacións de todo tipo.

Os biólogos con vocación de campo, desde que temos uso de razón, lembramos rexistrar as nosas observacións no “caderno de campo“, ferramenta imprescindible do naturalista e o biólogo. Co tempo desenvólvense bases de datos para manexar de forma máis eficiente o volume de datos derivados da infinidade de observacións rexistradas. Deste xeito estamos en disposición de enviar a información rexistrada (citas, censos, recontos, comportamentos, etc.) aos diferentes atlas, plans de monitoreo ou traballos puntuais que levan a cabo co fin de avaliar tendencias ou actualizar distribucións das especies.

A pesar desta abundancia de datos, a fracción de información que está dispoñible e accesible de forma libre aos interesados segue sendo mínima. Resulta crítico mellorar o acceso a esta información para abordar e getionar os desafíos e problemas emerxentes sobre biodiversidade e sustentabilidade derivados do desenvolvemento humano.

Grazas a ferramentas globais como e-Bird, iNaturalist ou Observation.org podemos pór o noso caderno de campo (con toda a información necesaria asociada) a disposición doutros investigadores, naturalistas, biólogos, fotógrafos, etc. Desta maneira xérase un banco de datos universal con infinidade de utilidades en investigación e conservación.

naturalista dixital 2

Este tipo de ciencia cidadá “especializada” baséase principalmente en observacións no medio natural. Unha observación rexistra un encontro cun organismo individual nun momento e lugar particular. Isto inclúe, ademais de avistamentos directos, encontros de sinais de organismos como pegadas, niños, deposiciones ou restos de todo tipo.

Grazas a plataformas como e-Bird, iNaturalist ou Observation.org podemos pór o noso caderno de campo a disposición doutros investigadores.

e-Bird é unha plataforma centrada no censo e conteo de aves, onde ademais de rexistrar as especies e o número de exemplares nunha listaxe amigable, cuantifícase o esforzo realizado en tempo e distancia percorrida. Pódense realizar cálculos estacionarios, con desprazamento, ou empregando outra serie de protocolos estandarizados. Xéranse ademais puntos interesantes para a observación de aves, que outros ornitólogos poderán ter como referencia.

iNaturalist é realmente práctica xa que mediante as observacións (de flora e fauna) baseadas en fotografías cárganse os metadatos directamente das mesmas ao subilas á aplicación. Desta maneira poderemos subir gran cantidade de información con moi pouco esforzo, e participar en infinidade de proxectos globais que se desenvolven na mesma plataforma.

Observation.org permite, ademais de subir fotos, enlazar links de vídeos desde youtube ou vimeo, e introducir información moi detallada de cada avistamento, posúe plataformas locais que ofrecen listaxes concretas de especies de interese rexional.

En todas elas inclúese un mapa interactivo onde xeorreferenciar perfectamente a observación ou cita. Nestas ferramentas as identificacións de especies son revisadas pola comunidade ou por curators/especialistas en cada grupo. Así unha vez validadas, pasando esta criba, poderán ser utilizadas para fins científicos polas persoas ou institucións que o requiran.

Outras aplicacións máis locais como Observadores do mar, Biodiversidade Ameazada ou Biodiversidade Virtual son plataformas moi interesantes centradas en Galicia, España e Portugal, tanto no ámbito terrestre como mariño, con proxectos concretos de seguimento.

naturalista dixital 4

Galeus melastomus. Foto: Gonzalo Mucientes, BEC.

Como exemplo de funcionamento deste tipo de plataformas dixitais deixámosvos unha entrevista que nos fixo Tony Iwane, curator de iNaturalist, sobre os nosos intereses científicos e observacións envorcadas na súa web: Observation of the Week, 11/14/17

Ecoloxía Azul leva un tempo recompilando información sobre quenllas peláxicas nas costas galegas (ver proxecto), e creou un mapa de distribución dos avistamentos de tintoreras e peregrinos nas nosas costas. Nel (mapa actualizado) pódense consultar as localizacións, especie, número de quenllas e outros datos de interese.

naturalista dixital 5Heatmap das observacións de quenllas peláxicas en Galicia.

Ademais abrimos o proxecto Elasmobranches of Iberian and European waters dentro da plataform iNaturalist coa intención de fomentar e facilitar a introdución de datos baseados en rexistros fotográficos por parte dos colaboradores.

naturalista dixital 6                     Quenllas no peirao de Muros. Foto: Toño Maño

Imaxe destacada: Naturalista no campo © Alba Aguión

Artigo publicado por Ecología Azul – Blue Ecology o 22 de decembro de 2017

Share This