© Arquivo da Luz Atlántica

O lagarto arnal sofre adaptacións específicas á insularidade nas illas Atlánticas de Galicia

Lagarto arnal (Poboacións insulares) (Timon lepidus)

Descrición:

En Galicia atópanse os individuos máis grandes da xeografía española, e tamén de toda Europa, excepto algunhas formas insulares xigantes de Canarias. Poden acadar tallas de até 190 mm sen contar a cola, e un peso que ronda os 200 g.

Moi fortes e robustos; teñen a cabeza grosa, con placas cefálicas rugosas e duras como a cortiza das árbores. A cola é longa, chegando a representar case dúas veces a lonxitude da cabeza mailo corpo.

A cor do dorso é verde, cun fino reticulado negro e manchas redondas azuis bordeadas de negro, os famosos ocelos, ao longo das costas. As partes ventrais teñen cor verde clara.

Reprodución:

As poboacións costeiras comezan o celo en abril, intensificando os machos a súa librea verde do dorso e os ocelos azuis dos costados. Son moi agresivos e territoriais, chegando a facer persecucións e pelexas cheas de trabadas coas poderosas mandíbulas.

As cópulas tamén son moi espectaculares, o macho morde a femia nas costas ventrais e curva o seu corpo para poder introducir un dos seus hemipenes. As femias depositan de 6 a 22 ovos baixo pedras ou galerías escavadas a 15 cm de profundidade.

Alimentación:

É unha especie xeneralista e tamén oportunista, abranguendo unha grande cantidade de presas na súa dieta. Come sobre todo coleópteros, abellas, formigas e caracois terrestres. Chega a comer tamén lagartixas, ratiños e mesmo lorchos nas poboacións insulares galegas. En certas épocas do ano consome froitas (amoras, uvas…).

Hábitat:

Pouco esixente á hora de requerir un medio onde vivir. Pode aparecer en calquera lugar, desde dunas costeiras até abas rochosas nas serras, ou fragas, muros de casas, cantís mariños, etc. O que si parece preferir son as zonas abrigadas e de solaina con rochas ou grandes pedras onde se refuxiar.

Distribución:

Presente en toda Galicia, só está ausente nas comarcas máis frías do interior e do norte. Aparece nos arquipélagos máis grandes das Rías Baixas. Nas serras non alcanza moita altitude.

Estado de conservación

Pode considerarse relativamente abondoso en toda a franxa sur do país, sobre todo nas áreas costeiras máis quentes. Semella diminuír efectivos canto máis ao norte.

Categoría de conservación:

As poboacións residentes nas illas Cíes, Ons e Sálvora están catalogadas como Vulnerable.
Nome común: Lagarto arnal (Poboacións insulares). Nome científico: Timon lepidus. Clase: Réptiles. Familia: Lacertidae.

Ficha en PDF ciclando AQUÍ.

Fonte: Xunta de Galicia

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Pódenche interesar tamén as seguintes entradas:

Presentación dos anfibios e réptiles do Parque Nacional

A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares

Casos de depredación de lagarto arnau por gaivota patiamarela (EN)

Asomando a cabeza, procurando a luz, a calor

A relevancia da matogueira no Parque Nacional. Presentación

Fonte: Xunta de Galicia

Fotografía: © Arquivo da Luz Atlántica

 

Share This