sardiña IEO

O IEO estudará a distribución e abundancia de sardiña en Galicia e golfo de Biscaia

Levarán a cabo dúas campañas oceanográficas nas que ademais avaliarán as poboacións de caballa, xurelo e outros peixes pelágicos

Investigadores dos Centros Oceanográficos de Vigo, Santander, A Coruña, Baleares, Xixón, Málaga e Cádiz do Instituto Español de Oceanografía (IEO) levarán a cabo dúas campañas oceanográficas durante os meses de marzo e abril para recompilar a información que permitirá estimar a biomasa das poboacións de sardiña, caballa e xurelo, entre outras especies.

O pasado xoves día 16 de abril comezou a campaña SAREVA, como parte dunha iniciativa coordinada con Portugal, para estimar a biomasa de sardiña do stock ibero-atlántico a través do método de produción de ovos, un estudo que se realiza cada tres anos. Esta metodoloxía implica a estimación da produción total de ovos destas especies durante o seu período de posta, un parámetro que está relacionado coa biomasa do stock reprodutor, o que permite así obter unha estima do tamaño da poboación.

A campaña, que partiu do porto de Vigo no buque oceanográfico Vizconde de Eza, pertencente á Secretaría Xeral de Pesca, e coordinada por Isabel Riveiro, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, regresará ao mesmo porto o 15 de abril, tras unha mostraxe intensiva en varios centos de estacións nos que, ademais dos ovos de sardiña, cuantificaránse outras especies comerciais como xurelo e caballa, e rexistraránse as condicións ambientais nas que se desenvolven.

A campaña SAREVA compleméntase coa campaña PELACUS, dirixida por Pablo Carreira, investigador tamén do Centro Oceanográfico de Vigo, e iniciada a pasada semana en Vigo polo Instituto Español de Oceanografía a bordo do buque oceanográfico Miguel Oliver, pertencente tamén á Secretaría Xeral de Pesca. Esta campaña está dirixida ao estudo das mesmas especies, pero para iso empréganse métodos acústicos, que permite relacionar a intensidade do eco co número de peixes detectados pola sonda.

Ambas as campañas ofrecerán os datos necesarios para que o grupo de traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) encargado da avaliación da poboación de sardiña prepare as recomendacións para os xestores pesqueiros.

 

Share This