Día mundial dos océanos paco álvarez

Campus do Mar organiza unha serie de actividades divulgativas na praia da Xunqueira

O Día Mundial dos Océanos achegará a biodiversidade mariña a máis de 150 escolares de Moaña

Este xoves instalaránse cinco estacións científicas que se abrirán ao público xeral pola tarde

M. Del Río | Vigo
Ademais dun lugar de ocio e diversión, as praias poden ser tamén para os nenos e nenas un laboratorio natural único para coñecer a biodiversidade dos areais e as súas características biolóxicas, físicas ou químicas. Con esta idea, o Campus do Mar traslada a divulgación científica mariña aos areais para celebrar o Día Mundial dos Océanos e, nesta ocasión, o laboratorio será a praia da Xunqueira, en Moaña. O concello acolleu este martes a presentación das actividades que se desenvolverán este xoves, 9 de xuño, e nas que participarán máis de 150 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria e da ESO dos colexios e institutos do municipio, como explicou Odilo Barreiro, concelleiro de Medio Ambiente e Mar.

Día mundial dos océanos duvi 1

A alcaldesa, Leticia Santos, agradeceu esta sinerxía con Campus do Mar e a Asociación de Oceanógrafos de Galicia para poder levar a cabo esta iniciativa, “que agardamos sexa a primeira de moitas”. A rexedora fixo fincapé na relación e dependencia que Moaña ten do mar e, neste sentido, recalcou a necesidade de “achegar a preocupación polo coidado do mar dende a infancia, aos que serán as persoas que tomen decisións no futuro, para que sexan sensibles a este medio e as súas ameazas”, o cal reverterá nunha “sociedade mellor na que todos e todas vivamos dun xeito máis sustentable”. Tamén valorou moi positivamente que pola tarde as actividades se abran ás familias e ao público en xeral, “porque todos e todas vivimos directa ou indirectamente do mar, do que nos debemos preocupar non só dende un punto de vista ambiental, senón tamén como xerador de riqueza, de traballo, de alimentos e de remedios contra enfermidades”. Santos agradeceu que un dos obradoiros divulgativos se centre no marisqueo a pé, unha das profesións máis representativas deste concello, que fai que “as mariscadoras sexan unha imaxe de Moaña que se exporta ao mundo enteiro”.

CARTEL DIA MUNDIAL OCEANOS CDM

Jesús Souza Troncoso, director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, coincidiu coa alcaldesa en recalcar a importancia que ten o mar para a humanidade en xeral e para Galicia en particular. “O mar é a ponte que une continentes, o mar é vida e, como di a Unesco neste Día Mundial dos Océanos, o mar é a vea do planeta”, a que regula a temperatura da Terra, ameazada polo cambio climático. Neste sentido, o catedrático de Zooloxía lembrou que a concentración de poboación humana nas costas é unhas das principais ameazas para os mares e destacou que se calcula que en 2050 o 75% do planeta residirá a menos de 200 km do mar. Isto, unido ao cambio climático, demanda da humanidade unha atención prioritaria á conservación do medio mariño, porque a dependencia que temos del “é moi grande e as previsións de aumento de temperatura, que se calcula en 2 grados nos vindeiros 40 anos, non son boas”. Por iso, “porque o mar é o futuro igual que tamén o son os nenos e nenas”, considera imprescindibles este tipo de iniciativas, que axudan á concienciación e a fomentar vocacións para que no futuro sexan os profesionais que coiden dos océanos e dos recursos que proporcionan.

Cinco estacións científicas a pé de praia

O obxectivo desta iniciativa é introducir o método científico dun xeito sinxelo nas actividades, aprender mediante a realización de mostraxes ou experimentos moi sinxelos in situ e fomentar a capacidade crítica, de análise e o razoamento científico. Para iso, a actividade consiste nun percorrido por cinco estacións distribuídas pola praia nas que os participantes, divididos en grupos e acompañados de monitores especialistas en medio mariño, terán que enfrontarse a unha serie de retos que terán que resolver aplicando o método científico e unhas sinxelas mostraxes de campo. As cinco estacións, como explicou Sandra Mosquera, secretaria da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, estarán dedicadas a oceanografía física, oceanografía xeolóxica, oceanografía biolóxica, oceanografía química e recursos mariños. A actividade ten unha duración prevista de 1 hora e 45 minutos e, mentres pola mañá serán os escolares os que participen no percorrido, pola tarde a actividade estará aberta a familias e ao público en xeral. Entre outros temas, os rapaces e rapazas coñecerán os tipos de algas e animais que viven nas diferentes alturas do intermareal, a distancia entre ondas, como varía o perfil nas diferentes zonas da praia, as diferenzas de salinidade ou acidez da augas en diferentes puntos ou as características do marisqueo a pé.

Fonte:

Duvi

Imaxe detacada:

Paco Álvarez

Share This