Cynoscion_regalis_(line_art)

Membros do Grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) localizaron e identificaron por primeira vez exemplares da especie exótica corvinata real (Cynoscion regalis) nas rías do Barqueiro e Vigo.

“Os achados producíronse durante as actividades de pesca habituais que realiza a frota artesanal galega, e o seu interese radica en que se trata dunha especie comercial non orixinaria de Galicia, senón da costa este de Norteamérica, polo que se pode calificar como unha especie exótica, alóctona, foránea ou non nativa, fóra do seu rango de distribución habitual”, explican.

Tras capturar, de forma accidental, exemplares da especie, dende as confrarías contactouse cos científicos, quen realizaron as correspondentes análises morfolóxicos e de ADN e os resultados confirmaron que se trataba de exemplares de corvinata real, nativa do Atlántico occidental.

“Dado que en febreiro de 2016 membros do Grupo de Ecoloxía e Xestión Pesqueira do Instituto de Ciencias Mariñas de Andalucía (ICMAN, Cádiz) acharon exemplares desta especie en augas do Golfo de Cádiz, o obxectivo agora é establecer unha colaboración entre os dous institutos do CSIC para realizar un seguemento da presenza desta especie en augas de Andalucía e Galicia”, avanzou Rafael Bañón, do Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM.

“Os exemplares capturados en Galicia medían entre 26 e 32 centímetros e os de Cádiz entre 28 e 33 centímetros, aínda que se coñecen capturas de exemplares de até 50 centímetros no Golfo de Cádiz. En ámbo-los casos descoñecemos, polo momento, a vía de entrada da especie na ría, aínda que non descartamos ningunha hipótese, incluíndo a mediación humana”, avanzan os científicos.

“Ao tratarse dunha especie exótica hai que prestarlle especial atención, posto que a proliferación deste tipo de especies, desgraciadamente cada vez máis habitual, repercute de maneira negativa no ecosistema autóctono pois entre as súas consecuencias figura a competencia polo alimento e o espazo coas especies nativas, así como a introdución de novas enfermidades ou parásitos”, indican os científicos, quen trasladan o seu agradecemento ás Confrarías de Cangas do Morrazo, embarcación “Vilella” e de O Vicedo, embarcación “Hermanos Riveira“, e as súas respectivas asistencias técnicas pola achega dos exemplares capturados en Galicia e os datos sobre as capturas.

Así mesmo, os científicos agradecen o aviso de novos rexistros desta ou outras especies novas que aparezan en Galicia poñendose en contacto co IIM-CSIC (986 23 19 30, Grupo de Ecoloxía Pesqueira, rbdiaz@iim.csic.es)

Fonte:

Web http://www.delegacion.galicia.csic.es/

Imaxe:

By Northeast Fisheries Science Center, Fisheries Service, National Oceanic and Atmospheric Administration; uploaded by Gdr.http://www.nefsc.noaa.gov/lineart/weakfish.jpg

 

Share This