Campaña Hippoparques_2-Material cedido por el Proyecto Hippoparques exclusivamente para esta noticia citando su procedencia-CSIC (2)-min (1)

Novo achado do Proxecto Hippoparques, que se iniciou en 2015 e concluirá en 2018

O CSIC localiza por primeira vez exemplares de cabaliño de mar narigudo Hippocampus guttulatus no Parque Nacional das Illas Atlánticas

No curso das inmersións que realiza o Grupo de Bioloxía e Fisioloxía Larvaria de Peixes (IIM-CSIC) no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia no marco do proxecto de investigación, avistouse e gravou unha parella de exemplares de cabaliños de mar da especie Hippocampus guttulatus, da que, até o momento, non se tiña constancia científica da súa presenza nesta zona.

En febreiro, o grupo localizou e gravou por primeira vez exemplares do cabaliño de mar común Hippocampus hippocampus nas Illas Cíes, polo que se confirma a coexistencia de ambas as especies no PNTMIAG, o que é sumamente importante á hora de poder deseñar futuras estratexias para a súa conservación.

O día a día do proxecto, cuxo obxectivo é identificar e caracterizar distintas poboacións de cabaliños de mar e peixes pipa no PNIAG e PNAC, pódese seguir en Proxecto Hippoparques e na páxina en Facebook “Proxecto Hippoparques.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016. O proxecto de investigación Hippoparques, liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), permitiu localizar, identificar e gravar por primeira vez exemplares de cabaliño de mar Hippocampus guttulatus na contorna das Illas Cíes, a 7 metros de profundidade e no límite dunha zona areosa e rochosa cuberta de algas e macroalgas.

Esta observación constitúe a primeira constancia científica da presenza da devandita especie no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (PNIA), unha das dúas áreas, xunto co Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera (PNAC) onde se está realizando o proxecto co fin último de identificar e caracterizar distintas poboacións caballitos de mar e peixes pipa, peixes da familia Syngnathidae, cuxa presenza está estreitamente asociada á saúde e distribución de comunidades vexetais. Tamén se busca coñecer os hábitats que ocupan, as relacións coas especies vexetais que os estruturan, a súa epifauna acompañante e as relacións tróficas implicadas”, explica Miquel Planas Oliver, científico do CSIC e investigador principal do proxecto.

En febreiro o CSIC xa confirmou, no marco deste proxecto, a presenza no PNIA doutra especie de cabaliño de mar (Hippocampus hippocampus), polo que este novo achado revela por primeira vez a presenza e coexistencia de ambas as especies na zona.

“A análise xenética destes exemplares permitirá concluír se pertencen á mesma poboación que as que se atopan nas rías ou, pola contra, se se trata dunha poboación con características xenéticas diferentes, o que suporía un feito moi interesante de cara á súa conservación”, avanza Miquel Planas Oliver.

Hippocampus guttulatus e H. hippocampus son as dúas únicas especies de cabaliños de mar presentes nas costas europeas, distribuíndose dende os Países Baixos até o Mar Negro. Habitan en pequenas áreas de zonas costeiras, lagoas e esteiros. Ningunha das dúas especies é obxecto dunha explotación sistemática pero as súas poboacións son moi reducidas, sendo obxecto de protección por parte da lexislación vixente. Hippocampus guttulatus é a máis abundante das dúas, aínda que en Galicia a súa abundancia é máis escasa que noutras zonas e a súa distribución moi dispersa e pouco coñecida. Sábese que o seu hábitat está moi relacionado coa presenza de pradarías de vexetais mariños, que os exemplares adoitan vivir entre 3-4 anos no medio natural e que se reproducen entre finais de primavera e finais do verán”, explica Miquel Planas Oliver.

O Proxecto Hippoparques

O proxecto de investigación “Identificación e caracterización de poboacións e hábitats de cabaliños de mar e outros singnátidos (HIPPOPARQUES)” está financiado pola Convocatoria de axudas á investigación en materias relacionadas coa REDE DE PARQUES NACIONAIS (Ano 2015).

Está liderado polo CSIC, a través do Grupo de Bioloxía e Fisioloxía Larvaria de Peixes do Instituto de Investigacións Mariñas. Conta coa participación do Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (CSIC-UIB), de grupos de investigación das Universidades de Coruña e de Santiago de Compostela e do Instituto Español de Oceanografía (Centro costeiro de Vigo).

A súa finalidade é identificar e caracterizar hábitats de preferencia e fontes de alimentación de especies de peixes singnátidos, como os cabaliños de mar e os peixes pipa, nos Parques Nacionais Marítimo Terrestres das Illas Atlánticas (PNIA) e o Arquipélago de Cabrera (PNAC). Do PNIA encárgase o IIM (CSIC, Vigo) e do PNAC o IMEDEA (CSIC-UIB, Illas Baleares).

“A información biolóxica e de distribución para estes peixes é particularmente deficiente. De feito, as especies europeas de cabaliños de mar están consideradas como de “Deficiente en Información” por IUCN e en tanto non se dispoña de maiores coñecementos sobre as súas poboacións naturais non poderán incluírse no apartado de especies “vulnerables” ou “ameazadas”. Por iso, “calquera iniciativa tendente a aumentar o coñecemento das poboacións naturais destas especies é esencial”, destaca Miquel Planas Oliver.

A investigación realízase mediante censos visuais e inclúe o estudo de biotopos e comunidades vexetais en transectos establecidos previamente pola potencial presenza de singnátidos, o seguimento das zonas susceptibles de albergar poboacións de signátidos e mostraxes e toma de mostras non invasivas para estudos xenéticos e de alimentación. En función dos resultados alcanzados, os científicos elaborarán e proporán ás autoridades competentes un plan de protección e conservación de especies de Singnathidae e de hábitats asociados no PNIA e o PNAC.

Fonte:

web www.delegacion.galicia.csic.es

PROXECTO HIPPOPARQUES

Imaxe:

Proxecto Hippoparques-CSIC.

Share This