O concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño

  /  ACTUALIDADE   /  O concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño

O concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño

O prazo de inscrición no programa Empreamar remata o 28 de febreiro

O concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño

En marzo arrancará a fase formativa e as mellores ideas pasarán a un período de preincubación

Duvi | Vigo
Galicia é unha comunidade na que abundan multitude de recursos mariños. Uns contan xa cunha estrutura empresarial forte, como a pesca ou sector conserveiro, e outros cunha posibilidade de creación de novos negocios, como o uso de embarcacións de pesca para uso recreativo, o aproveitamento das algas como fertilizante ou na industria alimentaria e farmacéutica. Por iso, para impulsar a creación de novas ideas empresariais e aproveitar de maneira sostible os recursos dispoñibles, o Concello de Moaña promove xunto co Campus do Mar a convocatoria do programa de formación e emprendemento Empreamar. Trátase dunha iniciativa que arranca cun proceso de formación, que botará a andar en marzo, e do que se seleccionarán as ideas con máis potencial, que pasarán a unha fase de incubación.

O obxectivo é facer agromar iniciarivas empresariais e de autoemprego que se implanten na contorna de Moaña, localidade que forma parte do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro 7, Ría de Vigo–A Guarda. A primeira parte do programa, centrada na formación en emprendemento, ofrece 20 prazas e os interesados e interesadas poden inscribirse ata o martes 28 de febreiro. Segundo explica Cristina Quelle, coordinadora da área de Transferencia do Campus do Mar, a día de hoxe hai arredor de 25 inscricións e, unha vez peche o prazo, a organización fará unha selección en base a criterios como, por exemplo, o concello de empadroamento ou a situación laboral, entre outros. “No programa poden inscribirse persoas con todo tipo de perfís e idades, xa sexan emprendedoras ou desempregadas, persoas que teñan vinculación co mar, traballadores do sector da pesca ou doutro sector”.

empreamar

‘Empreamar’ é un programa formativo para o fomento do emprendemento orientado ao aproveitamento sostible dos recursos mariñs materiais, inmateriais e endóxenos do territorio do GALP 7

Fases de formación e de incubación

O programa divídese en catro fases diferenciadas e impartirase nas instalacións do Concello de Moaña. As dúas primeiras son eminentemente formativa, comezarán a mediados de marzo e prolongaranse ata o segundo semestre de 2017. A formación centrarase no emprendemento e axudará aos inscritos a coñecer as claves para pór en marcha unha idea de negocio relacionada con mar. Esta preparación, totalmente práctica, será impartida tanto por persoal das diferentes entidades que colaboran co Campus do Mar como por persoal propio da Universidade. “Abordaranse temas relacionados tanto co proceso de creación e xestión dunha empresa como coa comunicación e a mercadotecnia, o traballo en equipo e os valores do emprendemento, os programas de axudas e subvencións dispoñibles para os proxectos, así como preparación máis específica sobre os recursos mariños da zona e o encadramento no aspecto socioeconómico do territorio” aclara a coordinadora da área de Transferencia do Campus do Mar.

Para as dúas últimas fases farase unha selección dos seis proxectos máis prometedores, que participarán nunha fase de preincubación e asesoramento científico-técnico personalizado por parte do persoal do Campus do Mar. “Nesta última fase os e as participantes disporán de espazos físicos gratuítos nas instalacións municipais do Concello de Moaña para desenvolver as súas ideas de negocio durante varios meses baixo a titorización do equipo de traballo do proxecto” aclara Cristina Quelle. Salienta que participar en Empreamar é unha oportunidade única, xa que se trata dun proceso formativo integral no que o emprendedor ou emprendedora, a través dunha metodoloxía práctica, consegue obter coñecementos, ferramentas e metodoloxías en diferentes eidos necesarios para pór en marcha unha iniciativa de negocio de ámbito mariño. Quelle explica que “traballarán de xeito específico as habilidades e competencias para o mundo real e o xeito de aprender é ‘facéndoo’. As persoas que participan no proceso enfróntanse a posibles desafíos e situacións que terían que resolver, obtendo os resultados que conseguirían se a súa labor se desenvolvera na práctica da vida real. Ademais, o programa contempla xornadas de contacto con casos de éxito e fracaso, formación en recursos mariños da contorna e o escenario socioeconómico do territorio para a identificación de ideas de negocio viables”.

Oito empresas froito da edición anterior

A proposta do Concello de Moaña toma a remuda da primeira edición de Empreamar, que arrancou en 2014 no territorio do GAC 4, nas vilas de Carnota e Porto do Son. Nela participaron 30 persoas da contorna, na súa maioría desempregadas, co obxectivo de converter as súas ideas emprendedoras nunha realidade. O programa deu os seus froitos, con oito empresas que desenvolven a súa actividade en diferentes eidos relacionados co mar. Un exemplo é Galuriña, a empresa na que Carmen Sánchez mestura a recetas antigas tradicionais con ingredientes sans e nutritivos das rías galegas; ou Duterma, que se centra na oferta de servicios de educación e sensibilización ambiental aproveitando as enormes posibilidades da contorna da ría de Muros e Noia. Outras das ideas que saíron da preincubadora son Aires de Sálvora, na que Abel Outón, mariñeiro de profesión, lle dá usos alternativos de ocio e turismo a unha embarcación tradicional pesqueira ou Mercamaris, na que María José Trillo optou por combinar nunha mesma instalación unha cetárea de mariscos, unha depuradora e unha zona de restauración e tenda na que ofrece produtos do mar frescos, locais e de alta calidade.

Share This