cobga microplásticos

O COLEXIO OFICIAL DE BIÓLOGOS DE GALICIA DI NON AOS MICROPLÁSTICOS EN HIXIENE OU COSMÉTICA XA QUE EXISTEN OUTRAS SOLUCIÓNS AMBIENTALMENTE CORRECTAS

Santiago, 28 de abril de 2017

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) apoiará a adopción de medidas legais para prohibir o uso de microplásticos en produtos de uso humano (exfoliantes, cosméticos e dentífricos, principalmente).

Os microplásticos (entre 5mm e 1 nanómetro) son usados nos devanditos produtos de coidado persoal, en textiles sintéticos e nunha gran cantidade de produtos e de sectores industriais (ingredientes de tintas de impresión, pinturas spray, molduras de inxección e abrasivos, etc.). Por outra banda, cando os artigos de plástico de maior tamaño se fragmentan xéranse os denominados microplásticos secundarios.

O 32% de todo o plástico que utilizamos acaba na natureza. Calcúlase que cada ano 8 millóns de toneladas de plástico chegan a mares e océanos, polo que o World Economic Forum informa que en 2050 no mar haberá máis plásticos que peixes. Segundo The Guardian, entre 80.000 e 220.000 t de microplásticos entran anualmente no medio mariño europeo.

Os microplásticos están acompañados de aditivos e sustancias químicas contaminantes ou tóxicas. Deste xeito, o seu impacto ambiental é grande porque debido á súa composición química e ao seu tamaño son difíciles de eliminar das augas residuais. As microesferas de plástico constitúen unha parte pequena do grave problema de contaminación por plásticos.

A comunidade científica posúe datos sobre os principais tipos de microplásticos segundo a súa composición química e o seu tamaño, así como sobre a súa distribución mundial en augas e sedimentos oceánicos, que inclúe a zonas oceánicas remotas. Especialmente están moi concentrados en mares pechados ou semipechados (Informe GESAMP publicado polo IMO). Tamén se detectou a súa presenza en animais de diferentes grupos (moluscos, peces, equinodermos, vermes, aves, mamíferos, entre outros), e con distintas formas de alimentación (filtradores, detritívoros, depredadores, etc.). Está constatado o paso destas micropartículas desde o tubo dixestivo aos líquidos orgánicos e aos tecidos en anélidos, moluscos e crustáceos, así como a xeración de danos celulares. Ademais, os aditivos resultan máis perxudiciais para larvas e embrións que os propios microplásticos.

Os científicos advirten sobre o perigo para o medio ambiente e ata para o home do paso de microplásticos a través das cadeas e redes tróficas, xa que moitas especies mariñas son alimentos frecuentemente consumidos en diversos países.

Na actualidade estanse realizando investigacións para coñecer con maior profundidade os efectos dos microplásticos nos seres vivos e nos ecosistemas. Catorce institucións de nove países europeos participan nesta investigación, destacando a que lidera un equipo da Universidade de Vigo e tamén equipos do IEO e da Universidade de Murcia.

Alternativas naturais non contaminantes

Existen alternativas, como o uso de produtos naturais non tóxicos e biodegradables que poden substituír ás microesferas de plástico sen ameazar a calidade das augas, tales como son as pequenas partículas obtidas a partir de ósos de melocotón, améndoas, aceitunas, noces, cirolas, etc. O uso destes materiais ten dúas vantaxes: por unha banda evítase o problema ambiental e de risco para a saúde de organismos, ecosistemas e persoas e, por outro, utilízanse residuos orgánicos abundantes en industrias españolas. Por todo iso, o COBGA aposta por estas alternativas fronte aos microplásticos.

Share This