novas rutas inverno

A Xunta ofrece 12 novas rutas guiadas entre febreiro e abril para coñecer o Parque Nacional das Illas atlánticas

As 12 rutas dos próximos tres meses chegarán aos catro arquipélagos e a primeira delas realizarase o vindeiro sábado 18 de febreiro á illa de Ons

O prazo de inscrición para estas actividades comeza o mércores 1 de febreiro e estará aberto ata catro días antes da realización do percorrido

A actividade guiada polo parque será de balde para os participantes, que deberán asumir o custe do desprazamento ata o porto de saída e ata o arquipélago

Haberá rutas diferenciadas para adultos e menores, que poderán achegarse aos valores do espazo natural mediante actividades lúdico-didácticas

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza 12 rutas guiadas para coñecer os valores dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Con esta iniciativa, a Xunta quere dar continuidade a un programa piloto que comezou no ano 2014 e no que xa participaron 1.000 persoas. A proposta do departamento autonómico é un programa de percorridos guiados fóra da temporada estival, nunha época de menor afluencia, e na que se descobren os seus valores dende outro punto de vista.

Ofreceránse rutas diferenciadas para dous tipos de público: unhas destinadas a adultos e outras para público infantil e familias. Nas de público infantil as temáticas, metodoloxías e actividades estarán adaptadas aos rapaces (sempre nenos e nenas menores de 12 anos) e as outras estarán pensadas para un público xeral (ás que tamén poderán asistir rapaces maiores de 12 anos). Os menores sempre deben ir acompañados dun adulto.

Estas visitas fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido.

A primeira visita do mes de febreiro será o día 18, a Ons, e a actividade leva por título “Unha illa de nomes”. Así, durante o percorrido, poráse de relevo a riqueza inmaterial que supón a toponimia en Galicia e, en concreto, na illa de Ons. A seguinte visita será a Cíes e a proposta son dúas rutas, unha para adultos e outra para familias. Desenvolveránse o domingo 12 de febreiro e o luns 10 de abril e a idea é facer un percorrido histórico, paisaxístico e ambiental pola illa. Os días 4, 16 e 18 de marzo visitarase Sálvora cunha proposta semellante de percorrido histórico e natural. Por último, resérvanse as datas do 5, 9, 23 e 25 de marzo e 12 de abril para Cortegada coa que se pretende facer unha incursión nos segredos dun “bosque no mar”. En Cortegada, concretamente o 12 de abril, tamén está prevista unha visita para familias.

O prazo de inscrición ábrese o vindeiro mércores 1 de febreiro estará aberto ata catro días antes da realización de cada ruta.

Solicitudes
Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán reservar a súa praza a través da web da central de reservas que ten habilitado o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, lugar onde están centralizadas todas as actividades que se ofrecen en tódolos Parques Nacionais de España. O enlace web é www.reservasparquesnacionales.es. No apartado específico do PN Illas Atlánticas, aparece un listado das actividades ofertadas para cada unha das rutas. Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa ruta. Habilitaráse tamén unha listaxe de agarda, coa que cubrir posibles baixas.

Tamén se poderá cubrir dita solicitude acudindo á sede do Parque Nacional (Rúa Oliva 3, Vigo).

Os menores deberán ir acompañados dun adulto, e, por cada adulto participante, admitiranse como máximo dous menores ao seu cargo sendo a idade mínima para participar os 12 anos.

A actividade será gratuíta na illa, pero cada persoa participante debe asumir o custo do transporte ao arquipélago, que deberá ser abonada antes de comezar o servizo. O transporte ao peirao de saída corre a cargo dos participantes.

No caso de non poder asistir á actividade deberase anular na mesma web de central de reservas onde se fixo a reserva como máximo o mércores anterior a cada ruta, co fin de dispoñer da praza para outras persoas interesadas.

Co ánimo de preservar os valores das illas e ofrecer unha atención o máis personalizada posible, estipúlase un número máximo de participantes. Tamén se advirte que a excursión pode quedar anulada se as condicións meteorolóxicas son adversas.

Para ver o programa fai click AQUÍ

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Share This