FireShot Capture 64 - Isla de Ons - Bastian de Val - YouTube_ - https___www.youtube.com_watch

Mergullando na enseada de Bastián de Val en Ons

Doutra vez navegando e mergullándonos con Pedro Alonso. Agora imos cara o arquipélago de Ons, onde superada a canle da Porta que separa a illa de Onza de Ons, dirixímonos á cara oeste, ao norte, á enseada de Bastián do Val onde nos agardan tesouros de incalculable valor baixo o mar, no infralitoral.

A cara oeste é a que dá a mar aberto e xa que logo a máis oceánica do arquipélago da illa de Ons, onde as correntes de augas ben osixenadas van acompañadas de abondoso alimento. Facilitan así a presenza dunha gran variedade de especies, xa ben animais mariños ou algas.

Así, neste ecosistema mariño van xurdindo entre os bolos e as fendas de fondos rochosos e cubertos de mäerl (acumulación de multitude de algas vermellas calcáreas), unha importante cantidade de hábitats onde aparecen diferentes grupos de animais mariños, moluscos, crustáceos, poliquetos, cnidarios ou equinodermos.

Deste xeito distinguimos babosas de mar, estrelas de mar, lebres de mar, polbos, nécoras, centolas ou espirógrafos. Tamén están as estrugas de mar, eponxas e mans de morto, que atopan aquí as condicións ideais de vida para se refuxiar e alimentar.

Imaxes todas que parten dunha outra de tantas inmersións de Pedro Alonso e que sempre dan boa conta da biodiversidade de valores e da importancia que alberga o medio mariño no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde representa o 86% da súa superficie.

Xunto ao o Parque Nacional Marítimo Terrestre do Arquipélago de Cabrera en Baleares, no mar Mediterráneo, son os dous únicos parques nacionais existentes con esta condición e singularidade. A Red de Parques Nacionales está conformada por un total de 15 espazos naturais que contan con esa categoría de protección no conxunto do estado.

Uns fondos mariños cheos de vida que compre respectar e protexer. Aínda así, aquí faena de xeito regular a pesca e o marisqueo profesional e tradicional de carácter artesanal. Unha frota de baixura das localidades costeiras próximas que atopa nas augas do Parque Nacional e seu entorno un dos seus principais recursos e caladoiros. Así todo, manter este equilibro non é doado nin está garantido aínda que é imprescindible para a conservación destes ecosistemas mariños.

Este audiovisual foi gravado en augas da illa de Ons, na enseada de Bastián de Val por Pedro Alonso e publicado o 8 de maio de 2016 na súa canle de youtube.

Audiovisual: © Pedro Alonso

Imaxe destacada: captura de pantalla audiovisual de Pedro Alonso

Publicado por

Santiago Boado Aguinaga

Santiago Boado Aguinaga

Santi Boado é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago. Investigador, divulgador e redactor. Naturalista vocacional, ten formación en comercialización e información turística, interpretación do patrimonio e educación ambiental. Exerce de guía-intérprete en espazos con valor patrimonial. Tamén é guía acreditado do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e membro da Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas de Galicia-Agaia, do clube de montaña Pena Trevinca-Montañeiros de Galicia e da Seo-Birdlife.