aveiro-1

O simposio arranca mañá xoves e debateranse os retos de futuro para a sustentabilidade dos océanos

Máis de cen investigadores participan en Vila Real na 2ª International Science Conference do Campus do Mar

Paralelamente, o alumnado do doutoramento DO*MAR reúnese este mércores en Aveiro

M. Del Río | Vigo
Arredor de 110 científicos e científicas de universidades e centros de investigación de España e Portugal participan a partir de mañá xoves na localidade portuguesa de Vila Real na International Science Conference de Campus do Mar (ISC’16). Nesta segunda edición a conferencia científica do Campus de Excelencia Internacional, coordinado pola Universidade de Vigo, trata de consolidarse como un foro para a presentación e discusión dos novos avances da investigación en ciencia, tecnoloxía e xestión mariña. Ao longo de dúas xornadas, os expertos e expertas participantes centraranse nos retos de futuro para a sustentabilidade dos océanos. A elección deste tema reflicte a crecente comprensión da importancia da sostenibilidade dos océanos en áreas cruciais para o benestar humano como son as dimensións ambientais, as económicas e as sociais. Ademais, como explican os seus organizadores, o ISC’16 é tamén unha excelente oportunidade para que o alumnado do programa de doutoramento DO*MAR así como outros investigadores novos presenten os seus avances científicos e os compartan e debates con expertos de alto nivel.

aveiro-2Os participantes do Stundet Day no taller de dinámicas de grupo

Catro eixos para o debate

O simposio articúlase arredor de catro eixos, os mesmos que vertebran as áreas de investigación e traballo do Campus do Mar. Por unha banda, presentaránse traballos sobre a observación do océano e cambio global, incluíndo os procesos oceanográficos físicos, biolóxicos, químicos e xeolóxicos que sustentan os ciclos bioxeoquímicos e o seu impacto nas redes tróficas e a biodiversidade. Outro dos eixos principais é o uso sostible dos recursos mariños, que comprende o uso, avaliación, transformación e valorización dos recursos, incluíndo a acuicultura. O terceiro bloque temático é a xestión integrada do mar, abordando a avaliación ambiental das zonas costeiras, a planificación costeira e marítima, as áreas mariñas protexidas, a protección costeira e a seguridade marítima. Finalmente, o cuarto eixo é o progreso tecnolóxico, enxeñaría e dirección de empresas, incluíndo as infraestruturas portuarias, a xestión marítima e o transporte, a enerxía, o dereito e a competitividade.

Destacados ponentes para as conferencias plenarias

O simposio contará con cinco conferencias plenarias impartidas por destacados científicos como David M. Paterson, experto en ecoloxía costeira da Universidade de St Andrews, director executivo da Alianza Marítima para a Ciencia e Tecnoloxía de Escocia (MASTS) e presidente do Sullom Voe Oil Terminal Environmental Advisory Group ou Ricardo Serrão Santos, membro do Parlamento Europeo e parte do Comité de Pesca e da Delegación Interparlamentaria UE-Canadá. Outros dos convidados son Niall McDonough, secretario executivo do European Marine Board (EMB), o principal think-tank europeo sobre políticas de ciencia mariña; John Largier, do Coastal and Marine Sciences Institute at UC Davis, onde centra o seu traballo en estudar como o movemento da auga conecta os ecosistemas e as persoas no océano costeiro; e finalmente Kazuhiro Kogure, director do Center for Earth Surface System Dynamics e xefe de Microbioloxía Mariña e Dinámica de Ecosistemas Mariños no Instituto de Investigación da Atmosfera e o Océano, en Xapón.

aveiro-3No Student Day participan 26 estudantes e 12 docentes

DO*MAR Student’s Day 2016 hoxe en Aveiro

Como evento previo á conferencia científica, este mércores a localidade de Aveiro acolle o DO*MAR Student’s Day 2016, a xuntanza anual dos estudantes do programa de doutoramento do Campus do Mar. Trátase dunha cita tanto científica como de convivencia, de xeito que ao longo do día os investigadores presentan o seu plan de tese xa aprobado ante os seus compañeiros pero tamén comparten con eles un programa de actividades complementarias fóra da contorna académica, como un obradoiro de comunicación en público e unha visita ao Museo Marítimo de Ílhavo. Nesta reunión participan, como explica Emilio Fernández, director do Campus do Mar, “12 docentes e 26 alumnos e alumnas matriculados no segundo curso do programa doutoramento DO*MAR – Marine Science, Tehcnology and Management, un programa internacional e transfronteirizo” que ofertan as universidades integrantes do Campus do Mar (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Aveiro, Minho e Tras os Montes e Alto Douro) e no que colaboran tamén organismos públicos de investigación españois como o CSIC e o IEO a través dos seus centros de investigación mariña en Galicia.

Share This