xornadas-monte-gondomar-min-encabezamento

Organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía

Gondomar acollerá un curso sobre a dinamización do monte

Forma parte do programa de Extensión Universitaria e desenvolverase do 13 ao 16 deste mes

Duvi | Vigo
O concello de Gondomar acollerá entre o 13 e o 16 deste mes o curso de Extensión Universitaria Avanzando na dinamización local con recursos propios: O Monte que organiza o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía. Ao longo de catro días presentaránse diferentes proxectos e iniciativas vinculadas coa xestión e a dinamización do monte en Galicia co obxectivo de “facer partícipe á cidadanía de experiencias dinamizadoras no monte que empreguen recursos locais e para formar a emprendedores locais mediante a adquisición de competencias básicas para a posta en marcha de iniciativas dinamizadoras locais a partir do monte en distintos ámbitos económicos”, como explican os seus organizadores. Para iso contarase coa colaboración dos expertos do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía e de representantes de colectivos, empresas, comunidades de montes, asociacións, nun obradoiro que conta co apio do concello de Gondomar e do Instituto de Estudos Miñoranos.

O potencial de aproveitamento do monte

Durante os catro días que dura o curso, dirixido polo profesor Xavier Simón, afondarase en diferentes xeitos de aproveitar e dinamizar o monte galego. Antes das experiencia concretas, o investigador Damián Copena abrirá o programa con dúas sesións formativas, unha centrada nos antecedentes históricos e usos do monte galego na sociedade tradicional e outra sobre o contexto actual e os novos retos e oportunidades. A partir de aí, os participantes poderán coñecer iniciativas que van dende o uso do toxo na produción de adubos e compost, o uso da biomasa forestal como fonte de enerxía, a custodia do territorio com o alternativa para a xestión do monte, a produción de pellets ou a resinación de piñeirais. No terceiro día abordaranse temas como o valor arqueolóxico do monte, as experiencia innovadoras do Monte Veciñal de Couso, o aproveitamento de pequenos froitos e cogomelos, ou do sabugueiro e a castaña. No derradeiro día do curso, coñecerán o exemplo do monte veciñal en man común de Carballo, en Friol ou a alternativa de uso do monte para a produción de carne ecolóxica. O programa completaráse con visitas a experiencias de monte no Val Miñor, nas que os asistentes estarán acompañados polos investigadores do GIEEA e axentes locais.

O prazo de matrícula está aberto ata o 5 de setembro. O prezo é de 20 euros e de 13 para os membros da comunidade universitaria e para as persoas empadroadas en Gondomar.

Fonte;

Duvi

Share This