Festival-Mar-de-Mares-2017-de-A-Coruna

Festival Mar de Mares 2017. “A celebración dos océanos”

Que é o festival?

Mar de Mares é un evento único e multidisciplinar que convida a celebrar os océanos como fonte de riqueza natural imprescindible. A Coruña, unha cidade situada no Atlántico, ten unha cita anual en setembro coa arte, coa ciencia, coa educación e co activismo en prol da defensa dos mares. Exposicións, proxeccións, charlas, talleres científicos e de reciclaxe, música, visitas intermareais, deporte, emprendemento e unha ampla oferta en gastronomía mariñeira xuntan diversión, entretemento e sensibilización. Para todos os públicos, para todos os mares.

O mar é muller

O mar. A mar. Os poetas e as xentes de mar nomean o océano en feminino e moitas culturas falan del coma se fose unha muller ou un ventre capaz de xerar vida. Pero tanto as lendas e a historia coma o relato cotián colocan as mulleres sempre á sombra, cando non ocultas. O mar sempre se presenta como un terreo de homes.

En Mar de Mares 2017, queremos sacar a flote esa parte esquecida da historia do mar; historias de mulleres que levan xeracións achegando o seu esforzo e o seu coñecemento, pioneiras que souberon enfrontarse aos prexuízos e que foron quen de impoñerse traballando arreo no mar e polo mar. Entre o 19 e o 24 de setembro —algunhas actividades prolónganse ata o 19 de novembro—, poderemos gozar dun interesante programa que nos axudará a comprender mellor os nosos océanos e as súas xentes.

Por iso, este ano contamos coa presenza da bióloga mariña, fotoperiodista e activista Cristina Mittermeier, unha das figuras actuais máis influentes da fotografía de natureza. Mittermeier expoñerá a súa obra por primeira vez en España, impartirá un storytelling, un taller sobre a arte de contar historias e realizará un visionamento de portfolios.

pantallazo-spot2017

Este ano, volvemos ter a honra de contar coa colaboración de National Geographic, que nos ofrece a posibilidade de ver tres dos seus últimos documentais, entre os cales se atopa o máis recente da gran dama do mar, Sylvia Earle, pioneira no campo da oceanografía e veterana activista. A mirada local centrarase nas mulleres da nosa terra –fareiras, percebeiras, escritoras, poetas, mariñeiras e redeiras galegas- que en diversos encontros nos darán a coñecer o seu labor no mar e polo mar.

gastronomía volve ser un dos puntos fortes do festival. Ademais do taller de cociña sustentable de Iván Domínguez, do Restaurante Alborada, contaremos tamén coas ensinanzas de Paco Chicón e Sergio Musso, de Eclectic e de Lucía Freitas, de A Tafona. E non hai que esquecer a visita á lonxa e o almorzo mariñeiro preparado por Javier Ozores, da Academia Galega de Gastronomía. Pola súa banda, o Mercado do Mar expoñerá os produtos mariños de empresas que apostan por un consumo sustentable e, alén diso, contará con obradoiros e atraccións para as familias, con degustacións gastronómicas, presentacións mariñeiras e concertos.

A ciencia divertida terá tamén a súa cita coa dinámica instalación de Sea Dance, que chega por primeira vez á Coruña e coa que os nenos e o público xeral poderán aprender, bailando, o funcionamento dos organismos mariños. Tamén gozaremos dun moi entretido paseo pola praia coa visita intermareal, da man dos expertos do Instituto Español de Oceanografía.

ONDE SE CELEBRA?

Só na Coruña podería ter lugar un festival coma Mar de Mares. Rodeada de mar, a súa configuración xeográfica, o seu porto e o seu paseo marítimo de 13 quilómetros —o máis longo de Europa— convértena nun escenario perfecto para reivindicar o sector mariño como un dos grandes motores económicos, culturais e de lecer de Galicia. O Festival contará con diversas sedes ao longo da urbe, como a Sala de Exposicións Palexco, o Aquarium Finisterrae, a Domus, Afundación e as praias da súa contorna, entre outras.

E para que goces da Coruña e do Festival ao grande, este ano ofrecemos a Escapada Mar de Mares, que inclúe aloxamento, menú mariñeiro e visita comentada á exposición de Cristina Mittermeier. Consulta a información en Ven á Coruña. Para descubrires todos os recantos da Coruña, podes visitar a web oficial de Turismo da cidade: www.turismocoruna.com.

Benvidos á cuarta edición do Festival Mar de Mares. Está todo listo para esta nova travesía.

Consulta o programa en PDF clicando aquí

Páxina webFestival Mar de Mares

Share This