prado

EXPOSICIÓN de Miguelanxo Prado no MUSEO DE PONTEVEDRA

Desde o martes 13 de decembro ata o 29 de xaneiro as salas de exposicións temporais do Sexto acollerán a exposición Mar interior onde as persoas visitantes poderán admiran un centenar de orixinais do historietista e animador coruñés Miguelanxo Prado.

Mar interior pretende asumir a titánica tarefa de resumir os 36 anos de intensa actividade artística de Miguelanxo Prado no redondo número de 100 obras. Cen páxinas que se articulan en varios espazos. O primeiro deles o vital: o mar, omnipresente en toda a súa traxectoria desde os seus primeiros escarceos, desde a Enciclopedia Délfica ata Ardalén, pasando por Presas Fáciles, onde o mar segue aí como pano de fondo. Os demais, temáticos: o cómic, a ilustración, o debuxo de lugares e paisaxes, a animación… Como ben di o autor: unha antoloxía retrospectiva ten algo de álbum de fotos de familia. Para os que o coñecen e o seguen, será un espazo de reencontro; para os que se achegan á súa obra por vez primeira, unha oportunidade única de marabillarse coa obra dun dos nosos máis grandes creadores.

Miguelanxo Prado (1958) é un autor galego coñecido sobre todo polo álbum Trazo de Tiza (1993), premiado en Barcelona e Angoulême, e a serie de historietas curtas humorísticas Quotidianía Delirante, realizadas para a revista El Jueves. É un dos autores españois máis respectados internacionalmente, que chegou a ser reclamado polo guionista Neil Gaiman para colaborar nun especial de The Sandman no que tamén participou Milo Manase. Tamén é ilustrador e traballou en animación para cinema (De Profundis) e TV. O seu traballo máis recente é a extensa novela gráfica Ardalén (2012).

Durante a década dos 90, tras a caída das revistas de historietas, realiza traballos noutros medios, como a ilustración, deseño de personaxes para TV (en España, para o popular programa infantil da TV galega Club Xabarín, en EEUU, para a serie de animación de Men in Black producida Steven Spielberg). Desde 1998, é tamén director do Viñetas desde el Atlántico, o Salón do Cómic que se celebra cada verán na Coruña.

En 2009, Miguelanxo Prado ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes.

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Share This