Estrea en Vigo da obra de teatro científico “Marea invisible”

  /  ACTUALIDADE   /  Estrea en Vigo da obra de teatro científico “Marea invisible”

Estrea en Vigo da obra de teatro científico “Marea invisible”

Estrea en Vigo da obra de teatro científico “Marea invisible”

Unha niciativa do CSIC e da Escola Municipal de Teatro de Vigo

Mañá, martes 13 de xuño, estréase a obra de teatro científico “Marea invisible“, iniciativa que nace da colaboración entre o Servizo de Educación do concello de Vigo, a través da Escola Municipal de Teatro, e o Consello Superior de Investigacións Científicas.

O proxecto, coordinado desde a Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, conta co asesoramento científico de persoal do Instituto de Investigacións Mariñas: Pilar Riobó, do grupo de Fitoplancto Tóxico, e José Manuel Fernández Babarro, do grupo de Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sustentable de Bivalvos.

O proceso creativo iniciouse en febreiro cunha sesión teórica que incluíu a visita do alumnado e os docentes ás instalacións do IIM. Ao longo destes meses leváronse a cabo varias reunións entre os docentes da escola e o persoal do CSIC para supervisar os contidos científicos da peza e definir os personaxes e os decorados relacionados coa investigación.

A obra ten unha duración estimada dunha hora e cuarto e está recomendada para maiores de 10 anos. O obxectivo da peza é espertar a curiosidade do público sobre a ciencia mariña, fomentando a reflexión sobre o consumo de moluscos e os efectos das toxinas das microalgas mariñas na saúde humana.

Esta representación forma parte das Xornadas Teatrais 2017, evento que se desenvolve en Vigo desde o 8 de xuño e durante o cal o alumnado da Escola Municipal de Teatro representa as creacións artísticas que desenvolveron durante este curso escolar.

Marea invisible” únese a outras accións relacionadas co teatro científico que se levaron a cabo desde a UCC do CSIC en Galicia como o Curso Monográfico de Teatro Científico organizado desde a Escola Municipal de Teatro de Vigo e que tivo lugar o verán pasado, ou as representacións da obra “Que traballo tan curioso!” no marco do proxecto Cidade Ciencia, que seguen percorrendo localidades de toda España.

Premer sobre a imaxe para mirar a programación:

Imaxe destacada: © Suso Framil

Share This