en-todas-as-mans-2

“En todas as mans” #Tour Gz 16

Desgraciadamente, con cada verán, o monte en Galiza vólvese actualidade. Mais volverán as chuvias e todas esqueceremos eses territorios que ollamos desde as xanelas dos nosos coches cando imos pola autoestrada. Antes de que iso aconteza tes que ver este documentario.

“En todas as mans” é unha aproximación á realidade do man-común, un mundo tan próximo como descoñecido. Unha realidade milenaria, única, que debe afrontar, tamén, un futuro. O documentario mostra a épica dunha vontade, loitar por mellorar os territorios que habitamos. Dous territorios, Galiza e Portugal, e unha realidade, os montes veciñais ou baldíos.

“En todas as mans” é unha ollada aos seus habitantes na procura dun horizonte, que os territorios comunitarios que xestionan sexan xeradores de riquezas económicas, ambientais e sociais para os seus pobos.

Descobre unha realidade que te vai conmover. Un mundo onde o futuro se conxuga en plural. Un futuro no que participemos e decidamos todas. Se aínda non viches “En todas as mans”, non deixes pasar esta ocasión de vir con nós.

A proxección vaise realizar a través da plataforma Screenly. Para poder realizar o evento temos que conseguir o número minímo de reservas que nos asegure a proxección. En Vigo necesítanse 56 persoas.

Ademais da proxección haberá un debate posterior con algunha das persoas que aparecen no documental. 

Plataforma Screenly: https://screen.ly/evento/228/en-todas-as-mans-multicines-norte/

Campaña de apoio ao documental “En todas as mans”

 

Máis información: 

Data e hora proxección e debate: este xoves día 6 dende as 20:10 até as 22:30

Multicines Norte, rúa Vía Norte 22, 36201, Vigo

En todas as mans”. Un documentario dirixido por Diana Toucedo.

Trespés. Sociedade Cooperativa Galega

Podes facer clic sobre a imaxes para amplialas e mirar a fotogalería:

 

Share This