andainas-uvigo-1

A programación de andainas universitarias deste curso arranca o día 22 de outubro

En marcha, que chegan as rutas culturais

Entre as novidades desta tempada está unha fin de semana na Serra do Xurés

Rosa Tedín | Ourense
O día 22 de outubro arranca a programación do curso 2016/2017 das rutas culturais da Universidade de Vigo. Ata o 13 de maio do vindeiro ano os amantes das andainas terán a oportunidade de realizar once rutas diferentes, percorrer máis de 200 quilómetros pola xeografía galega e sobre todo divertirse camiñando, coñecendo o patrimonio cultural e natural da contorna e compartindo unha actividade de ocio. A programación volve totalmente renovada e con dúas propostas estrela, como son unha ruta de fin de semana polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e o peche da tempada realizando a terceira etapa do Camiño de Santiago a Fisterra. “Volvemos ás andadas e facémolo cunha programación moi atractiva. Este curso celebraremos a edición número 19 dos roteiros e grazas á cultura de sendeirismo que existe na actualidade, e da que a Universidade foi precursora, seguimos atopando novas rutas coas que sorprender”, explica José García-Calvo, coordinador dos roteiros universitarios.

Unha vez máis e para facilitar a participación de persoas procedentes dos tres campus, a programación “centrarase principalmente no sur de Galicia, aínda que con algunha incursión máis cara o norte”, tal e como sinala desde o Servizo de Deportes do campus de Ourense García-Calvo, Willy. Como caracteriza a estas andainas, en cada percorrido ademais de coidar a realización do traxecto dedicarase especial atención a coñecer o patrimonio polo que se transita, contando co apoio de especialistas en arqueoloxía ou medio ambiente. Nesta ocasión e dadas as características dos itinerarios propostos, comenta o seu coordinador, a media de quilómetros por ruta sera de 18 ou 20, co obxectivo de facer percorridos asequibles para os participantes. Dado o éxito que tivo na súa primeira edición o pasado curso, nesta tempada volverá o celebrarse un concurso fotográfico por cuadrimestre no que se premiarán as mellores fotografías dos participantes. Tampouco faltarán, sinala García-Calvo, os sorteos e algunha que outra sorpresa para animar as excursións.

Das termas a Fisterra

A programación comezará o sábado 22 de outubro realizando a Ruta Ourense Termal, que levará aos participantes a coñecer a contorna da cidade das Burgas, como o Castro de San Tomé, e moi especialmente as súas termas, como as da Chavasqueira, O Tinteiro, O Muíño da Veiga e as de Outariz. O percorrido, como non podía ser doutro modo, rematará cun baño no Balneario-Spa Termas de Outariz. Durante 2016 realizaranse outras tres rutas máis. A segunda será a Ruta Muíños da Barosa-Fervenza de Segade, pola zona de Caldas de Reis, o día 5 de novembro; a terceira será o 19 de novembro, polo Val do Narcea, e a cuarta pola Ribeira Sacra, o 10 de decembro. As andainas universitarias volverán a este último enclave para facer un percorrido que partirá do Mosteiro Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil e rematará na Área Recreativa de Loñoá coa celebración dun tradicional magosto no que non faltarán os chourizos, as castañas, o viño e outros produtos típicos deste festa.

A programación do ano 2017 comezará coa realización da Ruta Salcedo no Tempo o 14 de xaneiro, que levará aos participantes a coñecer, entre outras cousas, os muíños e petróglifos do Outeiro e o Castro das Croas. Seguiralle o día 4 de febreiro unha andaina de dificultade media-alta polo val glaciar de Forcadas, en Chandrexa de Queixa, onde os organizadores agardan poder realizar unha ruta por neve, sendo necesario neste caso unha roupa axeitada para esa climatoloxía. O sétimo percorrido será a Ruta do Contrabando, o 18 de febreiro, seguindo a antiga ruta de comercio ilegal partindo de Vilardevós e rematando en Sandim. Xa en marzo, as andainas volverán o día 4 ao Courel, neste caso á Devesa da Rogueira, e o día 25 continuarán cun percorrido de dificultade media-alta polo Teixadal de Casaio, visitando as minas de Valborraz.

As dúas últimas andainas serán, explican desde a organización, especiais. A ruta número dez do curso 2016/2017 consistirá nunha fin de semana no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, os días 22 e 23 de abril, onde os participantes terán a oportunidade de realizar varios percorridos interpretativos e de diferente dificultade por este enclave. A ruta número once e última consistirá na realización da terceira etapa do Camiño de Santiago a Fisterra o 13 de maio, partindo do Hospital-Ermida A Nosa Señora das Neves e rematando en Fisterra, con posibilidade de bañarse na praia de Langosteira, cumprindo así a tradición de pór fin á programación de cada curso de roteiros cun baño no mar.

Abertas á cidadanía

A matrícula en cada un dos roteiros pode facerse en liña dende 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior á súa celebración. As tarifas varían en función da tipoloxía de público e do número de rutas que se queiran facer, sendo o prezo dunha andaina de dez euros para os membros da comunidade universitaria e de 15 para as persoas allea a ela e habendo bonos para cinco e once rutas. Concederanse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas ECTS polas de dous días de duración. Haberá autobuses para trasladar aos participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Share This