Doncela de ondas vermellas en Cíes

  /  NATUREZA   /  Doncela de ondas vermellas en Cíes

Doncela de ondas vermellas en Cíes

A pesar do seu relativo pequeno tamaño os invertebrados terrestres supoñen máis do 80% de todas as especies do reino animal. Nas Illas Atlánticas a maioría dos estudos realizados até o de agora centráronse no grupo dos coleópteros (escarabellos) e dos lepidópteros (bolboretas nocturnas e diurnas).

Téñense estudado as bolboretas nocturnas e diurnas nos arquipélagos máis grandes do Parque (Cíes, Ons e Sálvora) inventariándose 164 especies distintas destes lepidópteros.

doncela de ondas vermellas  (Euphydryas aurinia) é un invertebrado, unha especie de lepidóptero distrisio da familia Nymphalidae e do xénero Euphydryas. É de hábitos diurnos. É común en toda Galicia e non se atopa ameazada mais semella estar en certo retroceso.

Atópase en bosques naurais cun sotobosque ben conservada aínda que esta imaxe foi tomada no Alto do Príncipe, no arquipélago das illas Cíes. Aliméntase de varias especies de chuchamel; as eirugas de Xenciana, Plantago lanceolata, Digitalis purpurea, Geranium sp., Veronica sp. e Sucisa pratensis.

Voa entre abril e xuño, nunha xeración.

O estado larvario esténdese de xuño a abril, cando pasa a estar catro semanas en estado de crisálida. A crisálida é branca ou grisácea con manchas negras colocadas nos talos da planta nutricia ou en muros, pedras e troncos.

Posúe un tamaño medio, de entre 30 e 46 mm, presentando coloracións brillantes. O seu estándar de debuxo alar varía considerablemente duns individuos a outros, e ao mesmo tempo mantén semellanzas con outros individuos do xénero Euphydryas.

Nela alternan as manchas amarelas, laranxas, marróns e fondo negro, cun dentado branco na parte inferior e unha serie de compartimentos punteados, en sentido horizontal, nas ás posteriores. A cara posterior das súas ás presenta deseños que lles permiten confundirse coa contorna de cortizas e follas secas, como parte dunha estratexia de cripsis para protexerse dos depredadores, presentando tonalidades en amarelo e negro, sen presenza de coloración prata.

Imaxes:

Suso Framil e Pedro Figueras

Share This