polbo enfadado 1

Mergullando en Sálvora con Pedro Alonso (I)

Illa de Sálvora. Parque Nacional Illas Atlánticas. Ria de Arousa. Galicia

A través destas magníficas imaxes aprezamos inmediatamente unha cantidade de vida espectacular nestes fondos mariños que representan o 86% da superficie total do Parque Nacional. Neste caso, atopámonos nos fondos do arquipélago de Sálvora

Este audiovisual do mergullador Pedro Alonso foi gravado nestes fondos mariños do arquipélago da illa de Sálvora (Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), situado  na bocana de entrada á Ría de Arousa, nas Rías Baixas de Galicia e foi publicado na súa canle de Youtube o 25 de maio da primavera de 2016

Podemos deste xeito contemplar neste valioso ecosistema submarino diferentes hábitats das riquísimas augas do arquipélago de Sálvora, un santuario para numerosas especies que habitan estes fondos de carácter rochoso e cascallo, colonizados e acompañados ademais do desenvolvemento de algas pardas, verdes e vermellas.
Así, neste ambiente, primeiro entre os bosques de ramos de mar, van xurdindo ao paso do mergullador diferentes especies de animais mariños coma ascidias, cnidarios, crustáceos, cefalópodos, equinodermos, moluscos, poliquetos ou peixes, máis ben coñecidos coma doncelas, chaparelas, fanecas, pintos, congros, polbos, carallos de mar, ourizos, estrelas, actinias, anémonas, espirógrafos, esponxas, centolas, mexillóns ou arneiróns. Unha lista  moi longa que non chega describir todo o que se pode admirar neste audiovisual de Pedro Alonso no mar de Sálvora, e que dá boa conta da extraordinaria riqueza que albergan as súas augas.
Estes fondos mariños do arquipélago da illa de Sálvora son deste xeito hábitats ideais de todas estas especies, refuxios de vida que existen nas rochas e nas súas fendas mais os fondos de cascallo.
Atopámonos aquí tamén con lugares de alimentación ideais para o desove e cría de numerosas especies, que moitas das veces resultan de grande interese comercial.
Destacar a mimetizaxe da que fan exercicio moitos dos animais mariños presentes neste audiovisual de Pedro Alonso como a centola ou o polbo.

Audiovisual: © Pedro Alonso

Imaxe destacada: captura de pantalla audiovisual de Pedro Alonso

Share This