100 aniversario

Cúmprense 100 anos da inauguración oficial do primeiro laboratorio do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO

Un século de ciencias e tecnoloxías do mar ao servizo da sociedade

O pasado sábado 2 de setembro de 2017 cumpríronse 100 anos da inauguración oficial do primeiro laboratorio do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), un acto que estivo presidido polo ilustre científico Odón de Buen, un dos pioneiros da oceanografía europea e fundador do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Desde entón o Centro Oceanográfico de Vigo realizou o seu labor científico e tecnolóxico. Actualmente é unha potencia recoñecida internacionalmente en oceanografía e ciencias do marmedio mariño e acuicultura. Ademais, realiza importantes tarefas tecnolóxicas, de control e tamén de apoio á frota pesqueira.

É a instalación con máis persoal do IEO e un dos seus principais activos. Xa no Real Decreto do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes polo que se creaba o Instituto Español de Oceanografía o 17 de abril de 1914, proxectouse a construción do Centro Oceanográfico de Vigo. Dous anos despois, o concello de Vigo solicitou o seu cumprimento e o Estado consignou nos seus orzamentos 100.000 pesetas para a súa construción e “atender os gastos das investigacións oceanográficas como base da conservación e fomento da riqueza pesqueira das nosas costas”.

O acto de inauguración tivo moita transcendencia na cidade e a este asistiron Odón de Buen, fundador do Instituto Español de Oceanografía; membros ilustres da Comisión Oceanográfica autoridades como o gobernador civil, o alcalde ou o almirante da escuadra.

O Laboratorio instalouse provisionalmente no pavillón da Sociedade de Salvamento de Náufragos, que estaba situado no porto de Vigo, ocupando un amplo salón no que había unha sección de química, outra sección moi completa de aparellos para toma de mostras de fondos, plancto e auga, e un pequeno museo de animais capturados. Nomeouse responsable do Laboratorio Oceanográfico de Vigo a Fernando de Buen e Lozano, doutor en Ciencias Naturais que, naquel momento, con 22 anos, xa era subdirector do Laboratorio de Oceanografía de San Sebastián e director do Laboratorio Oceanográfico de Madrid.

Acto de conmemoración de Centenario

O próximo 28 de setembro terá lugar o acto oficial de conmemoración do Centenario,
que se realizará no Auditorio da sede Afundación de Vigo ás 18:30 h. O mesmo estará presidido por Carmen Vea Olmo, secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e presidenta do Instituto Español de Oceanografía, contando coa presenza de representantes de todos os ámbitos institucionais, universitarios, culturais e intelectuais, xunto aos amigos e colaboradores do IEO. Ademais recoñecerase o importante labor levado a cabo por todo o persoal do Centro, polo que se convidará tanto ao que actualmente está en activo como todos aqueles que se xubilaron.

 

Centro Oceanográfico de Vigo do IEO

Imaxe destacada: día da inauguración do laboratorio en 1917.

Share This