O corvo mariño cristado. Introdución

  /  NATUREZA   /  O corvo mariño cristado. Introdución

O corvo mariño cristado. Introdución

Corvo mariño cristado (gl) / Galo de mar (gl) / Cormorán moñudo (es) Ubarroi mottoduna (eu) / Corb mari emplomallat (ca) / Galheta (pt) / European Shag (en)

O Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acolle a maior parte de corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) nidificantes en España.

Conta cunha colonia de entre 700 e 1000 parellas reprodutoras. A maioría nidifican hoxe nas illas Cíes e Ons. En Sálvora, no illote de Sagres.

Podemos observalos pousados sobre rochas e cantís, ou voando a rentes do mar, nadando e mergullando. É habitual a concentración de centos de corvos mariños cristados, pousados na auga en bandos, denominados ralleiras.

Destaca a súa estilizada figura case enteiramente de cor negra, aínda que con certas tonalidades verdosas.

A comezos do inverno, as parellas comezan a formar os seus niños, marcando e defendendo o seu territorio. En febreiro lucen xa a característica crista ornamental. As aves novas, até os dous anos son castañas e co ventre claro.

Os corvos mariños cristados son todo un exemplo de adaptación ao medio mariño, e están deseñados para desenvolverse con soltura baixo as augas, e así capturar pequenos peixes que lles serven de alimento.

Crían próximos ao mar, establecendo os seus niños en cantís e repisas das covas mariñas ou furnas, en ocos e fendas, a salvo de depredadores. Entre febreiro e agosto, a femia pon entre 2 e 3 ovos de ton branco azulado, que eclosionarán nuns 30 días. Conseguen criar aos seus polos nun mes e medio, cando xa alcanzan o tamaño dos adultos.

Contan con patas negras palmeadas, que funcionan como aletas que os impulsan cunha gran potencia baixo o mar. Tamén destaca o seu pescozo longo e flexible, para poder así rastrexar ocos e fendas dos fondos en busca de alimento.

Mide sobre uns 75 cm de lonxitude por 100 de envergadura.

O peteiro do corvo mariño cristado é negro cunha base amarela. É longo e afiado. Un auténtico garfo para non deixar escapar ás súas presas. Os seus ollos dispoñen dunha membrana externa que actúa a modo de lentes submarinas.

A súa plumaxe non é do todo impermeable, xa que necesitan empaparse de auga para gañar peso, diminuíndo a súa flotabilidade, para poder así somerxerse e mergullar.

Por iso é habitual observalos pousados en illotes, cons e rochas illadas, coas ás despregadas. Típica estampa que contemplamos mentres descansan e secan a plumaxe, para poder volver voar, nadar ou mergullarse.

O estatus oficial califica a este especie como Vulnerable, aínda que diversos estudos xa o consideran en Perigo de extinción. Así é coma está clasificado no Plan de Conservación do corvo mariño cristado no Parque Nacional da illas Atlánticas de Galicia.

Imaxes: 

– Corvo mariño cristado en voo (imaxe destacada): European Shag” by Andreas TrepteOwn work. Licensed under CC BY-SA 2.5 via Wikimedia Commons.

– Xuvenil de corvo mariño cristado: Phalacrocorax aristotelis desmarestii” by Julius Rückert. – Own picture, taken in the south of the island Cres, Croatia.. Licensed under CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons.

– Adulto de corvo mariño cristado pousado: Shag Phalacrocorax aristotelis” by Andreas TrepteOwn work. Licensed under CC BY-SA 2.5 via Wikimedia Commons.

– Corvo mariño cristado en voo (imaxe destacada) : European Shag” by Andreas TrepteOwn work. Licensed under CC BY-SA 2.5 via Wikimedia Commons.

– Grupo de corvos mariños cristados: European shags in mating plume” by BoawormOwn work. Licensed under CC BY 3.0 via WikimedNia Commons.

 

 

 

 

 

Share This