© Ricardo Figueroa

Contrastes de cores permiten desfrutar da espectacular presenza do pequeno picapeixe

O picapeixe

(Alcedo atthis)

O picapeixe (Alcedo atthis), tamén chamado martiño peixeiro é unha especie de ave terrestre que aproveita o medio acuático doce e mesmo salgado estando presente en case todos os ríos, rías, esteiros, illas e humidais de Galicia. Espectacular e característica plumaxe e rapidísimo voo.

Esta pequena e vistosa ave necesita de noiros areosos para escavar o seu niño, furados que constrúe en paredes verticais, xeralmente de ribeiras de difícil acceso ou en raíces de árbores. Sempre preto dunha masa de auga rica e cunha abondosa poboación de pequenos peixes, vermes, insectos acuáticos, pequenos crustáceos e mesmo anfibios que conformen a súa dieta.

picapeixe (Alcedo atthis) caza ou pesca mergullándose na auga, precisando de zonas de augas limpas e calmas. Así, o picapeixe é xa un símbolo como bioindicador destas zonas acuáticas de ribeira, estuáricas, mariñas ou continentais.

En canto as súas características destaca o seu pequeno tamaño e escaso peso, a vistosidade da súa plumaxe e mais o bico negro, longo (uns 4 cm.) e afiado. O corpo mide uns 17 cm., a envergadura das alas é duns 25 cm. e pesan sobre 35 ou 40 gramos. A parte superior da cabeza, as plumas externas das alas, os ombreiros e as plumas da cola son de cor azul verdoso que combina noutras partes do corpo co alaranxado, o azul mariño, turquesa ou o branco baixo a gorxa. As patas son castañas escuras.

A súa voz, unha chamada de son curto, agudo e repetido, que pode reproducirse como “ti-it”, sendo máis ruidosos na época de cría.

Sobre a  distribución e hábitat do picapeixe (Alcedo atthis) dicir que son sedentarias no centro e oeste de Europa como na Península Ibérica, Galicia e Rías Baixas. Chama a atención que teñan unha alta tasa de mortalidade tan elevada ao nacer e unha súa esperanza de vida tan curta, non máis de cinco anos.

A conducta do martiño peixeiro (Alcedo atthis) é a dunha ave moi territorial e solitaria, fiel ao lugar que escolle para vivir. É habitual que pase moito do seu tempo pousado nunha póla preto da auga. Non gusta da presenza de conxéneres polo que en moitas ocasión desátanse as liortas, aínda que fora da época de cría varios picapeixes poden compartir territorio se hai abundante alimentación.

Sobre o seu estatus actual e ameazas salientar que as pobacións europeas reducíronse moito no último cuarto do século XX e aínda non se pode falar de recuperación .

Aínda que a súa presenza é habitual, polo de agora non se ten constatada a súa cría e reprodución en ningún dos catro arquipélagos que conforman o noso Parque Nacional (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), sen desbotar a posibilidade de que isto que poda estar ocurrindo. Evidentemente sí que o fan no seu entorno.

A través desta fotogalería de imaxes que mostran diferentes exemplares de picapeixe ou martiño peixeiro, podemos contemplar a súa fermosura, pequeno tamaño e grandeza.

Grazas a unha magnífica serie de fotografías capturadas por Ricardo Figueroa no entorno das salinas de Ulló (concello de Vilaboa), na enseada de San Simón, ao fondo da Ría de Vigo.

 Premer sobre as imaxes para poder ampliar fotografías:

Fotografía: © Ricardo Figueroa

Share This