mexillonsons-suso-framil-min

A Ecimat acolleu o primeiro workshop científico do proxecto europeo Life Seacan

Comenzan as mostraxes para valorar o impacto ambiental das conserveiras nos ecosistemas mariños

Os novos sistemas de depuración comezaron a probarse en marzo e realízanse análises cada tres meses

D. Besadío | Vigo
Cun orzamento de 1,7 millóns de euros e cofinanciado nun 60% pola Comisión Europea, a finais de 2015 botou a andar o proxecto Life Seacan co obxectivo de demostrar a aplicación de dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para o tratamento de augas residuais procedentes da actividade industrial conserveira de peixe. Polo momento aínda non se decidiu de forma definitiva que conserveira albergará o prototipo –o prazo de execución do proxecto é de tres anos e medio-, pero o equipo da Universidade de Vigo que está a participar no proxecto leva desde o pasado mes de marzo realizando mostraxes preliminares co obxectivo de comezar a pór a proba esta metodoloxía, valorar o posible impacto ambiental dun emisario destas características e ter unha idea da variabilidade temporal dos resultados.

É unha das novidades das que se informou este pasado venres no workshop de presentación dun proxecto, Life Seacan, que está coordinado pola empresa Cetaqua Galicia, e no que participan como socios, ademais da propia institución académica viguesa, a Universidade de Santiago de Compostela e Cetaqua Barcelona, entidades que contan tamén coa colaboración da Asociación Nacional de Conservas de Pescado, Anfaco-Cecopesca, cuxo secretario xeral, Manuel Vieites, participou tamén hoxe neste encontro.

A cita tivo lugar na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla e nela participaron especialistas da maior parte das entidades participantes. Encargáronse de darlles a benvida o director do centro, Jesús Souza Troncoso, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e un dos investigadores implicados no proxecto, e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández. “Agardamos que os resultados do proxecto contribúan a solucionar, se é posible, o problema dos vertidos da industria conserveira e, se non, ao menos que axuden a mellorar dunha forma substancial a calidade das augas destes vertidos”, indicou o principal responsable de Campus do Mar, que se referiu a esta problemática como un tema “clave” polas súas implicacións tanto a nivel ecolóxico como económico, xa que estes vertidos se fan a un ben común, o sistema acuático, con multiplicidade de usos: extracción de recursos, turismo, conservación natural… “Se actuamos con intelixencia temos suficiente talento dentro do noso sistema como para visibilizarnos internacionalmente e liderar algunhas das áreas de relevancia neste campo”, indicou Fernández.

mexillon-duvi-3

Emilio Fernández e Jesús Souza Troncoso na apertura do workshop Foto: Cetaqua

Na procura de información e ferramentas para mellor a xestión dos vertidos

Dentro do Proxecto Life Seacan, a Universidade de Vigo é o socio responsable dunha das accións de implementación do mesmo. Esta acción consiste na análise do ecosistema bentónico (o asociado ao fondo mariño) na zona potencialmente afectada polo emisario que verte as augas residuais da planta conserveira na que se instale o prototipo de depuradora. Os obxectivos desta acción son detectar e valorar se no ecosistema existe ou non un impacto causado polo vertido de augas residuais e, no caso de que exista tal impacto, identificar que factores ou características do vertido están afectando ao ecosistema. Ademais trátase tamén de valorar o efecto do emprego dos novos sistemas de depuración na mellora das condicións ambientais da zona. “Deste xeito, a acción liderada pola Universidade de Vigo facilita unha das principais medidas do impacto ambiental do proxecto”, explicou o investigador Fernando Aneiros, ao tempo que insistiu na necesidade de empregar o coñecemento xerado a través destes estudos para proporcionar ás autoridades competentes información e ferramentas que axuden a mellorar a xestión ambiental en relación a este tipo de vertidos.

Para acadar este obxectivos o equipo vigués está a estudar, tanto en zonas potencialmente afectadas polos vertidos como en zonas ‘control’ (“coa finalidade de comparar os resultados obtidos en ambas”) e de forma repetida no tempo (“para detectar se existe unha variabilidade significativa a nivel temporal nos resultados, así como para avaliar o efecto causado pola instalación do prototipo”) diferentes aspectos e variables. “Temos que estudar a estreita relación entre o medio bentónico, o fondo, e o medio peláxico, é dicir, a columna da agua”, explicaron de xeito moi resumido Aneiros e Marina Gómez, outra das investigadoras implicadas no proxecto.

“A integración dos resultados relativos ás comunidades bentónicas e os das diferentes variables ambientais permitirá unha mellor comprensión da situación do ecosistema, do seu funcionamento, do nivel de impacto das augas residuais e, de ser o caso, da forma en que ten lugar ese impacto”, apuntou Aneiros.

O proceso de produción de conservas caracterízase por un elevado consumo de auga

O proceso de produción de conservas caracterizase por un elevado consumo de auga (2 litros/lata), o que anualmente representa un total de 8,6 millóns de metros cúbicos. Da depuración desas augas residuais antes de ser vertidas ao mar depende a boa saúde do ecosistema mariño próximo e, por iso, o proxecto Life-Seacan aposta polo uso de procesos de biopelícula, que se caracterizan pola depuración das augas residuais cun efluente dunha calidade notablemente alta e cunha redución simultánea do consumo de enerxía (como mínimo, un 20%) e da pegada de carbono (redución dun 25%).

Ao abeiro deste proxecto e ata febreiro de 2019 os investigadores e investigadoras das diferentes institucións implicadas tratarán de avaliar as potencialidades destas innovadoras tecnoloxías para a mellora da calidade da auga vertida. Estes procesos de biopelícula foron aplicados con éxito en diversos sectores industriais, pero aínda non foron empregados a escala real para efluentes de conservas de peixe. Para analizar a súa eficacia este proxecto apostou por Galicia, xa que nas Rías Baixas se concentran o 80 % das empresas de conservas de peixe españolas e este sector representa o 2,8% do PIB galego.

Fonte:
Imaxe destacada:
© Suso Framil
Share This