mostra 1

Organizada pola Delegación de Alumnado coa colaboración do profesor Jesús Souza Troncoso

Ciencias do Mar inaugura unha exposición sobre malecoloxía con moluscos do Atlántico, o Pacífico e o Índico

Con máis de 70 exemplares de moluscos poderá visitarse ata finais de febrero

D. Besadío | Vigo
Na Facultade de Ciencias do Mar seguen as actividades de celebración do seu 25 aniversario, nesta ocasión coa inauguración dunha exposición malacolóxica na que poden verse moluscos do Atlántico, do Pacífico e tamén do Índico. A mostra está organizada pola Delegación de Alumnado dentro do programa Live Sciences, coa colaboración do profesor Jesús Souza Troncoso, director da Estación das Ciencias Mariñas, ao tempo que presidente da Sociedade Española de Malacología e ex-secretario da sociedade mundial que reúne aos estudosos desta ciencia dedicada ao estudo dos moluscos. “É unha mostra pequena, apenas catro vitrinas, pero da que me sinto moi orgulloso, xa que xurde por iniciativa do noso alumnado”, explicou intres antes da súa inauguración Souza, que exerceu como comisario.

mostra 2

Unha das alumnas colocando exemplares nunha das vitrinas

A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo principal do Edificio de Ciencias Experimentais ata finais de febreiro, inclúe arredor de 70 exemplares de moluscos, parte deles cedidos polo propio Souza, recollidos nas súas múltiples viaxes, e os outros son achegas dos propios alumnos e alumnas.

Minchas, lapas, ameixas, berberechos, mexillóns, polbos, luras…. todos son moluscos

A inauguración da exposición acompañouse dunha pequena charla na que Souza, presentado pola decana da facultade, Belén Rubio, fixo un rápido repaso sobre que é a malecoloxía, cales son as especies máis frecuentes e importancia económica dos moluscos. “Despois dos insectos os moluscos son o grupo que maior número de especies ten, aproximadamente cen mil especies: desde un animaliño de menos de medio milímetro ata os calamares xigantes”, explicou o docente.

As tres clases máis coñecidas, “debido probablemente á súa importancia na gastronomía galega” son, segundo expuxo o investigador, os gasterópodos (minchas, carafio, lapas, etc.), bivalvos (ameixas, mexillóns, berberechos, navallas, etc.) e os cefalópodos (polbo, luras, pota…). “O interese polos moluscos en Galicia non é de agora, xa anteriores traballos meus e de compañeiros da Universidade de Santiago de Compostela sobre a cultura castrexa, revelan a utilización dos moluscos desde estratos datados da tardía Idade do Bronce, aproximadamente a finais da primeira metade do milenio antes de Cristo, pasando pola Idade de Ferro, fase temperá do mundo galaico-romano, ata a xa ben asentada romanización, é sabido por todos o gusto dos romanos polas ostras de Arcade”, explicou Souza, ao tempo que fixo fincapé en que a importancia en Galicia dos moluscos é inmensa “non hai máis que pensar no sector do mexillón, as vieiras, as ostras… Desde o pasado o molusco empregouse en Galicia non só como fonte de alimentación, senón tamén, por citar un exemplo, como ornamentación e, hoxe en día, isto vai en aumento grazas ao despunte da acuicultura”.

mostra 3

A mostra pode visitarse no vestíbulo do Edificio de Ciencias Experimentais ata finais de febreiro

Souza Troncoso lembrouse tamén do calamar xigante, “molusco tamén”, que durante anos se expuxo na entrada da facultade e que logo, “debido ao alto custe que supoñía o seu mantemento foi trasladado ao Museo de Luarca, un dos grandes museos de calamares xigantes existentes na actualidade.

Arranque oficial do programa Live Science 2017

O programa Live Science! é unha iniciativa de divulgación científica na que o alumnado de Ciencias do Mar trata de achegar o potencial da investigación mariña universitaria a todos os seus compañeiros e compañeiras. Tras dúas edicións -2015 e 2016-, os membros da delegación apostaron por darlle continuidade en 2017. “Aínda non cerramos o programa de xeito definitivo pero as actividades arrancaron xa a semana pasada cunha visita á Escola Naval Militar de Marín, saída que tivo moito éxito e que estamos a pensar en repetir”, explicou Uxía Vázquez, alumna de 4º curso do Grao en Ciencias do Mar. “Ademais das charlas e das saídas este ano queriamos organizar algo máis visual e aí foi onde xurdiu a idea desta exposición”, explicou Vázquez, que adiantou tamén que están a traballar xa noutra mostra, dedicada neste caso ao mundo dos cefalópodos “aínda non é nada definitivo, pero agardo que poida saír adiante”.

Imaxe destacada:

As alumnas encargadas de organizar a mostra acompañadas polo profesor Jesús Souza Troncoso

Share This